A selección galega de ciclocrós viaxa a Valencia con 14 representantes

O seu obxectivo é preparar o Campionato de España.
A Irmandiña corre esta semana. (Foto: FCG).
photo_camera A Irmandiña corre esta semana. (Foto: FCG).

A Selección galega de ciclocrós estrea tempada coa mente posta no Campionato de España do vindeiro mes de xaneiro. "Na súa aposta pola formación e a tecnificación", o combinado da Federación Ciclismo Galego (FCG) presentarase esta fin de semana no País Valenciano con 14 promesas desta especialidade para participar nas dúas últimas probas do certame.

O seleccionador da Irmandiña, Alberto del Río, confeccionou unha convocatoria con cinco júniors (Antonio Casal, Darío Buceta, Martín Díaz, Nicolás Fernández, Raúl Puelles) e nove cadetes (Alba Gregores, Alejandra Neira, Lara Pita, Lucas Blanco, Lucas Lozano, Pedro Liaño, Rodrigo García, Xian Alvariño, Xiana Seixo) que competirán o sábado no Ciclo-Cross Ciudad de Xàtiva e o domingo no XXVI Cyclocross Internacional Cidade de Valencia.

Lamentabelmente, na categoría júnior feminina a selección galega non contará con representación porque as tres corredoras da Galiza que copan os postos de podio na xeral (Lorena Patiño, Aroa Otero e Marta Estévez) defenderán as cores dos seus respectivos equipos nunha dobre cita á que chega como líder Elite Sub-23 Irene Trabazo.

Vojtech Kminek renova a súa vinculación co Cortizo

Cambiando o ciclocrós polo ciclismo de estrada, o Club Padronés-Cortizo continúa configurando o seu cadro de corredores de cara á nova tempada, e un dos homes que seguirán defendendo as súas cores e Vojtech Kminek, unha das grandes revelación da pasada campaña.

"Encantaríame dar o salto a profesionais -dixo o checo de 23 anos-, mais penso que unha tempada máis na categoría elite achegarame a madurez deportiva necesaria para consolidarme nas ligas superiores cando chegue o momento".

Comentarios