martes 29/09/20

O Concello da Coruña exixe a inhabilitación de Tebas á fronte de LaLiga

Todos os grupos con representación no pleno apoiaron esta mañá unha declaración institucional na que tamén se demanda a dimisión da presidenta do Consello Superior de Deportes (CSD), Irene Lozano.
Os xogadores do Fuenlabrada estiveron en corentena no hotel Finisterre da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Os xogadores do Fuenlabrada estiveron en corentena no hotel Finisterre da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Concello da Coruña vén de aprobar no pleno desta mañá unha declaración institucional sobre o acontecido co equipo de fútbol do CF Fuenlabrada, que viaxou á cidade con varios contaxiados cando tiña o partido de liga contra o Deportivo. Entre outras cuestións, o Consistorio exixe a inhabilitación de Tebas.

Os grupos con representación na corporación coruñesa -agora mesmo PSOE, PP, Marea Atlántica e BNG- acordaron demandar que o presidente de LaLiga, Javier Tebas, sexa inhabilitado pola súa implicación no caso Fuenlabrada.

Así mesmo demandan a dimisión da presidenta do Consello Superior de Deportes (CSD), Irene Lozano. De feito, o que van facer en realidade é demandar ao Goberno do Estado español que inste ao CSD a quitarlle as competencias a Tebas.

De non dimitir Lozano, solicitan que sexa o equipo de Pedro Sánchez quen proceda ao seu cesamento "por premiar, coa súa decisión do 27 de agosto, apoiar unha liga de 22 equipos, a quen incumpriu as normas deportivas e sanitarias".

Ademais reproban a Tebas polos "seus ataques" ao Deportivo da Coruña, e decláraselle persoa “non grata” no municipio. Tamén se reclamará ao delegado do Goberno español na Galiza e  ex alcalde da cidade, Javier Losada, "rectificar as súas declaracións nas que apoiaba a incomprensible actuación do CSD en lugar de defender ao Real Club Deportivo e á súa cidade".

Asumir responsabilidades

A actual alcaldesa, Inés Rey, destacou que é unha declaración que sae adiante "coa unidade" de todas as formacións, a pesar de que tanto desde Marea Atlántica como desde o PP houbese reproches a que nos últimos dous meses se houbesen "ignorando" as súas iniciativas sobre o tema.

"Non imos tolerar que ninguén se vexa por encima das normas e chegaremos ata o final para esixir todas as responsabilidades", engadiu. Desta maneira, a asesoría xurídica trasladará á Fiscalía madrileña as actuacións que leva feitas o Concello.

comentarios