Malia pór en risco a saúde pública

O Fuenlabrada continuará na Segunda División malia viaxar á Coruña con positivos en Covid-19

O Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) fallou finalmente a favor de LaLiga tras arquivar a petición do xuíz instrutor da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) en relación ao Deportivo-Fuenlabrada do pasado 20 de xullo, que propoñía o descenso dos madrileños pola súa viaxe á Coruña.

Xogadores do Fuenlabrada, aterrando na mañá de onte en Alvedro. Voaron, polo menos, 12 positivos en Covid-19 (Foto: UD Fuenlabrada).
photo_camera Xogadores do Fuenlabrada, en Alvedro. Voaron, polo menos, 12 positivos en Covid-19 (Foto: UD Fuenlabrada).

Na resolución, á que tivo acceso Europa Press, o TAD declara que "a competencia para coñecer os feitos consistentes na actuación do CF Fuenlabrada no seu desprazamento á Coruña -conforme ao protocolo de volta á competición do 15 de maio de 2020- corresponde á liga Nacional de Fútbol Profesional", e non á RFEF, reza o escrito.

Por tanto, o Fuenlabrada continuará xogando na liga SmartBank, a Segunda División española, porque o protocolo estabelecido -como consecuencia da pandemia da Covid-19- antes de retomar a competición "constitúe a norma especial fronte ás xerais tipificadas nos artigos 68 e 74 do Código Disciplinario da RFEF".

"O conflito de competencias exposto debe resolverse a favor de LaLiga, ao ser esta a competente en virtude do artigo 69 dos seus Estatutos Sociais para exercer a potestade disciplinaria respecto de presuntos incumprimentos de acordos validamente adoptados polos seus órganos internos", engade o TAD.

Contra a resolución, que é "definitiva en vía administrativa", cabe a posibilidade de que se interpoña recurso no prazo de dous meses, e a RFEF só poderá arquivar o caso.

O Deportivo da Coruña, que pedira o descenso do Fuenlabrada por "pór en risco a saúde pública" por viaxar con membros da delegación contaxiados coa Covid-19, aínda podería recorrer á xustiza ordinaria.

Esta decisión do TAD chega unhas horas antes da reunión que manterán hoxe LaLiga e a RFEF, co Consello Superior de Deportes (CSD), como mediador para atopar unha solución ao número de equipos que compoñerán a competición e ao sorteo do calendario. Tras esta resolución ratifícase que serán 22 en Segunda e o Fuenlabrada estará entre eles.

Comentarios