xoves 06/08/20

O Fuenlabrada non respectou o protocolo anti Covid-19 na súa estancia na Coruña

Novas informacións apuntan que os madrileños fixeron "vida normal"
Momento da evacuación a un centro hospitalario da Coruña dun futbolista do Fuenlabrada que padece o coronavirus. (Foto: Europa Press)
Momento da evacuación a un centro hospitalario da Coruña dun futbolista do Fuenlabrada que padece o coronavirus. (Foto: Europa Press)

A enorme fervenza informativa que é o 'Caso Fuenlabrada' non deixa de chapicar datos nin un momento. Durante a mañá de onte, a chegada dunha ambulancia chamou a atención da marea de medios de comunicación que fai garda ante as portas do hotel coruñés onde permanece confinado o equipo madrileño "como se isto fose a boda do rei", tal e como definiu a situación o adestrador do Club de Fútbol Fuenlabrada, José Ramón Sandoval.

A súa presenza foi requirida para trasladar até o hospital privado Quirón -por petición expresa do Fuenlabrada- un xogador positivo en coronavirus e con febre que sufriu un esvaecemento mentres se lle practicaba unha proba PCR. A pesar de que, segundo anunciou o conxunto do suroeste de Madrid, o seu estado "non reviste gravidade", permanecerá ingresado polo menos durante toda a fin de semana por precaución.

Esta nova uniuse a un segredo a voces que foi confirmado polo médico do Real Club Deportivo da Coruña, Carlos Lariño: "O Fuenlabrada chegou á cidade herculina sen médico".

En declaracións ás compañeiras e compañeiros do programa Zona Mixta, da Radio Galega, Lariño confirmou que "non é normal" que un clube de fútbol se desprace sen o seu médico, entre outras cuestións porque "sen el non se poden presentar a xogar".

As pezas do quebracabezas comezan a encaixar 

Por que entón se desprazaron até A Coruña? E por que, unha vez na cidade herculina, non respectaron o protocolo anti Covid-19 da propia Liga de Fútbol Profesional (LFP), que estabelece que deben permanecer confinados nas súas habitacións, evitando o contacto co resto da clientela e evitando facer uso das zonas comúns?

Esa é a pregunta que fai o Real Club Deportivo na denuncia que presentou ante o Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Os coruñeses acusan a "totalidade" dos xogadores do Fuenlabrada de "non respectar a súa obrigación de permanecer confinados", facendo uso das zonas comúns do estabelecemento e das súas instalacións deportivas anexas, algo que foi desmentido desde o primeiro momento polo equipo madrileño.

Non obstante, o Dépor afirma que menten, sinalando que tanto "os rexistros videográficos das cámaras de seguridade do hotel" como as distintas testemuñas deixaran constancia de que "compartiron espazo con outros hóspedes e usuarios".

Pola súa banda, o ministro de Cultura e Deporte, un día despois de saír en defensa da Liga de Fútbol Profesional e do seu protocolo anti Covid-19, volveu opinar para matizar as súas propias declaracións, aseverando que "se ben está moi ben deseñado e funcionou en 99,9% das ocasións, esta vez non o fixo", e instou a investigar "por que".

Diso xa se están encargando, ademais dos medios de comunicación, a Fiscalía Provincial da Coruña, que abriu dilixencias de investigación penal para esclarecer o sucedido. Todo a raíz do escrito presentado polo Concello da Coruña, no que se pide que se expliquen cuestións como "por que non se informa ás autoridades sanitarias" dos positivos e "por que se viaxa" até a Galiza.

comentarios