xoves 01/10/20

Clubes e xogadoras denuncian a "marxinación" do fútbol feminino

Esixen o "comezo inminente" da competición ligueira
A galega Tere Abelleira será unha das grandes estrelas do flamante Real Madrid de fútbol feminino. (Foto: @TeresaAbelleira).
A galega Tere Abelleira será unha das grandes estrelas do flamante Real Madrid de fútbol feminino. (Foto: @TeresaAbelleira).

O fútbol no Estado español está inmerso nunha crise económica e institucional que parece que pode chegar a ameazar a súa propia supervivencia

Logo do escándalo deportivo-sanitario a consecuencia dos positivos por coronavirus do Fuenlabrada na Coruña e o subsecuente cruce de acusacións entre Liga de Fútbol Profesional (LFP), Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e Consello Superior de Deportes (CSD), agora é o fútbol feminino o que alza a súa voz para esixir que finalice a súa "marxinación" e un "comezo inminente" da competición ligueira.

Clubes e xogadoras denuncian o agravio comparativo que representa que a competición masculina teña previsto comezar o 11 de setembro mentres que a feminina o faría o 18 de outubro, data moi afastada do 5 de setembro que se barallaba hai apenas un par de meses.

Sindicatos e patronal, unidos na mesma causa

Para a Asociación de Clubes de Fútbol Feminino (ACFF) resulta "inadmisíbel" que a Comisión de Presidentes Autonómicos da RFEF tomase devandita decisión "sen contar co visto e prace dos equipos participantes". 

Ademais, a patronal do fútbol feminino tamén critica que aínda non conten cun protocolo de actuación con respecto á Covid-19, e demanda a súa publicación inmediata por parte do CSD e que sexa a propia RFEF quen asuma os gastos derivados da súa aplicación: "Dado que, tratándose de competicións non profesionais, é a organizadora a que ten atribuída a competencia de xerar recursos e xestionar a mesma, debe ser a RFEF a que asuma as súas responsabilidades e asegure a súa viabilidade".

Que os distintos equipos conten co protocolo resulta fundamental tamén para que as competicións comecen o antes posíbel, "pois a RFEF ten que respectar a planificación das pretempadas dos respectivos corpos técnicos, xa que calquera alteración pode ter efectos moi prexudiciais na condición física e na saúde das futbolistas", segundo explica a Asociación de Clubes de Fútbol Feminino.

"A inseguridade e a falta de rigor e planificación que ofrece a actuación da Federación Española, con dúas comunicacións oficiais en relación ao comezo da competición, non dá moitas garantías para planificar a preparación das xogadores", apostila a ACFF.

Por último, pero non menos importante, a patronal esixe o "comezo inminente" da competición ligueira para asegurar a súa "viabilidade económica".  

Leticia Méndez, xogadora do EDF Logroño da Primeira División feminina, fai un chamamento a "estar unidas" e "bogar na mesma dirección" de cara á consecución dos seus obxectivos, e esixe que se lles garanta o "dereito" a exercer a súa profesión -"como traballadoras que somos"- e a que se estabelezan "as medidas necesarias para desenvolvela con toda garantía sanitaria, xa que dependemos economicamente dela".

Non obstante, o Consello Superior de Deportes, presidido por Irene Lozano -que xa se puxo de perfil no 'Caso Fuenlabrada'- fala da "imposibilidade" de crear un contexto "absolutamente libre de riscos", e apela á "responsabilidade individual" da que xoga "e asume un risco libre e voluntariamente"

comentarios