O Club Waterpolo Pontevedra encara con "ambición e ilusión" un histórico debut na liga estatal

O equipo refórzase con xogadoras experimentadas a nivel internacional. Kike García, o adestrador, non descarta nada esta tempada: "Enfrontaremos cada partido sempre con respecto, pero nunca con medo".

As fichaxes déronse a coñecer nesta cuarta feira nun adestramento aberto aos medios que serviu de presentación oficial do equipon de cara ao novo curso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As fichaxes déronse a coñecer nesta cuarta feira nun adestramento aberto aos medios que serviu de presentación oficial do equipon de cara ao novo curso. (Foto: Nós Diario)

O Club Waterpolo Pontevedra fixo historia o pasado 14 de maio ao lograr o ascenso á Primeira División Estatal —a categoría de prata do waterpolo—, un fito que non está ao alcance de calquera, pois é a primeira vez que un equipo galego compite en categoría estatal. Dúas contundentes vitorias na eliminatoria fronte ao CW Murcia, primeiro na casa e logo a domicilio, puxeron o ramo a unha magnífica temporada do equipo formado por xogadoras da canteira pontevedresa e do CW Pabellón Ourense.

Este verán Javi de Sáa, adestrador dos equipos masculino e feminino nos últimos anos, decidiu pór fin a esta etapa para centrarse na coordinación da canteira, polo que Kike García recibiu, e aceptou, o encargo do club de dirixir o primeiro equipo feminino nesta histórica estrea na liga estatal.

"Enfrontaremos cada partido sempre con respecto, pero nunca con medo", sinala o adestrador, Kike García

"Afrontamos a tempada con moita ilusión e moita gana de facer un bo papel. O obxectivo é, principalmente, adaptarnos á categoría e loitar por mantela de cara ao vindeiro ano", explica García, en conversa con Nós Diario. Coa humildade e a cautela propias dun equipo que acaba de aterrar na categoría, mais coa intención de loitar cada punto até o minuto final, o Pontevedra medirase aos seus rivais "sempre con respecto, pero nunca con medo".

A falta de dous meses para o inicio da liga, o técnico móstrase ambicioso: "O obxectivo non debe ser non perder un partido para manter a categoría, senón sermos competitivas, adestrar máis que ninguén e nunca descartar nada". E é precisamente a "ambición" que arrodea este proxecto o que convenceu as cinco fichaxes desta tempada de decantarse polo CW Pontevedra, que fixo unha "aposta importante", recoñece Kike García, para incorporar xogadoras con experiencia en competicións internacionais. Son as colombianas Valentina Restrepo e Sara Vanegas, as mexicanas Karla Hernández e Alejandra Gallegos e máis a viguesa Carmen Carrera.

As waterpolistas procedentes de México chegan á cidade do Lérez após proclamárense, hai menos dun mes, vencedoras coa súa selección do Campionato Centroamericano e do Caribe de Natación (CCCAN) de 2022. A ilusionante tempada do Pontevedra convenceunas de vir. "Escoitar o adestrador falar dos obxectivos e metas que ten para o equipo foi o que me motivou, e tamén me ilusiona a idea de xogar noutro país e coñecer xente nova", dixo Karla Hernández tras asinar pola escuadra pontevedresa.

"Temos que seguir potenciando a base, que é o futuro", subliña García

As colombianas Restrepo e Vanegas, pola súa parte, participaron en xuño no Campionato do Mundo de Budapest, na que foi a primeira cita internacional neste nivel da súa selección nacional. A quinta incorporación, Carmen Carrera, é unha das grandes promesas do waterpolo galego. Pasou polas categorías inferiores da selección da Galiza e foi convocada en dúas ocasións polo combinado estatal.

Kike García agarda que as xogadoras da base do equipo pontevedrés poidan "retroalimentarse" coas fichaxes e a experiencia que achegan ao equipo. "Temos unha gran canteira, hai xogadoras que levan no club desde os oito ou dez anos e son as que conseguiron o ascenso xunto ás do Pabellón Ourense. Ademais de facer unha boa tempada temos que seguir potenciando a base, que é o futuro", salienta, ao tempo que pon en valor os éxitos do equipo: "Teñen un dobre mérito, pois moitas veces o seu esforzo queda relegado ante os logros do equipo masculino. Son unhas grandísimas xogadoras".

Un adestrador 'da casa' chamado a facer historia

Tras a súa etapa como xogador, Kike García tomou as rendas das categorías inferiores do CW Pontevedra en 2009 e polos seus equipos pasaron moitas das waterpolistas que hoxe conforman o primeiro equipo. "Coñézoas desde cativas", apunta. Non entraba nos seus plans facerse fronte do club nesta histórica tempada, mais non puido dicir que non: "Desde o primeiro momento motivoume este reto, estou moi ilusionado", sentencia.

Kike García, no adestramento desta cuarta feira, dando instrucións ás súas xogadoras. (Foto: Nós Diario)
Kike García, no adestramento desta cuarta feira, dando instrucións ás súas xogadoras. (Foto: Nós Diario)

Comentarios