A CIG fai un chamamento a boicotear o Mundial de Qatar

O sindicato considera o torneo "unha vergoña"
A CIG tamén denuncia as mortes na construción do estadio Lusail. (Foto: CIG).
photo_camera A CIG tamén denuncia as mortes na construción do estadio Lusail. (Foto: CIG).

O vindeiro 20 de novembro dará comezo o Mundial de fútbol en Qatar, un espectáculo que se estenderá durante 5.670 minutos que para a Confederación Intersindical Galega (CIG) serán "vergoñentos", pois "máis aló dos réditos económicos que deixarán para a propia FIFA e algunhas empresas, teñen custado xa un alto prezo en vidas de traballadores e traballadoras, principalmente migrantes, que foron sometidas a condicións de escravitude nun país que acumula unas cifras alarmantes no que ten a ver co respecto aos dereitos humanos".

Nun comunicado, o sindicato repasa os distintos escándalos relacionados coa presente edición do principal evento deportivo planetario xunto cos Xogos Olímpicos, e que foron recollidos con detalle nas páxinas de Nós Diario ao longo dos últimos meses, lembrando que "informes internacionais falan de 6.500 mortes na construción das infraestruturas". 

"Traballadores sometidos a traballo forzado, sen poder saír do país, en terríbeis condicións de vida, vendo como se apropiaban dos seus pasaportes, sufrindo ameazas, tendo prohibida a afiliación sindical e agardando meses a cobrar un salario medio mensual de 220 dólares mentres a FIFA atendía só aos seus beneficios económicos e algunhas empresas se lucraban con cantidades abusivas nas contratación", denuncia a CIG que aconteceu en Qatar.

Alén da clase traballadora, outros colectivos que están sufrindo a vulneración dos seus dereitos no Emirato, lembra, son o das mulleres -"que seguen a ser discriminadas con un sistema de tutela masculina, sometidas ao seu permiso para decisións importantes como casar, estudar, traballar ou viaxar"- e o das persoas LGTBIQ+, pois en Qatar "o Código Penal segue tipificando as relacións homosexuais entre homes como un delito puníbel, con até sete anos de cadea". 

Por todo isto, e outras causas como as restricións á liberdade de expresión, desde a CIG fan un chamamento " a apoiar todas as campañas de boicot contra este Mundial, que nunca debeu chegar a celebrarse nese país e nesas condicións". "O correcto tería sido que ese boicot se concretara na negativa a participar das seleccións dos países chamados 'democráticos', pero o capital non ten prexuízos sobre a vida das clases populares, e menos aínda se son do sur global", conclúe.

Comentarios