O fútbol canea os dereitos humanos

O que para as ONG's é "escravitude", para a FIFA é un "orgullo".
Vista exterior do Estadio Icónico de Lusail, que acollerá a final do Campionato do Mundo de Fútbol o próximo 18 de decembro. (Foto: Europa Press).
photo_camera Vista exterior do Estadio Icónico de Lusail, que acollerá a final do Campionato do Mundo de Fútbol o próximo 18 de decembro. (Foto: Europa Press)

A Copa do Mundo de fútbol que comezará en Qatar o 21 de novembro deste ano leva manchado coa polémica case desde o mesmo momento da concesión do torneo ao emirato, un país sen infraestrutura nin tradición futbolística co único -pero vital- aval duns petrodólares que utilizou nunha cantidade próxima aos catro millóns de euros para subornar os suficientes dirixentes da FIFA para ser escollido, nun caso coñecido como o "Qatargate".   

Mais o peor deste Mundial nacido baixo a mácula da corrupción son as repetidas e violacións aos dereitos humanos na construción dos diferentes estadios que albergarán os partidos nos que Messi, Cristiano, Benzema e compañía saltarán alleos á ausencia dos máis de 6.500 traballadores procedentes de Pakistán, a India, o Nepal ou Bangladesh que emigraron até Qatar para levar a cabo xornadas laborais de até 18 horas á semana de luns a domingo e que acabaron atopando a morte. 

Infantino equiparou as condicións de "escravitude" en Qatar, segundo as ONG co "duro traballo" da súa familia emigrante

O escándalo chegou ás páxinas dalgúns dos principais diarios do planeta, incluído Nós Diario, e mesmo o papa Francisco I recibiu no Vaticano unha delegación da ONG Fundación para a Democracia Internacional, que leva anos denunciando por todo o mundo a situación duns traballadores que o CEO de Qatar 2022, Nasser Al-Khate, nega rotundamente, afirmando que con data de decembro de 2021 tan só perderan a vida "tres traballadores".

A FIFA, máximo organismo reitor do deporte rei a nivel mundial, como a maioría dos sectores implicados no fútbol desde os xogadores até as federacións, permaneceu de perfil ante este escenario. Até agora.

Recentemente, o seu presidente, Gianni Infantino, asegurou que o ente que dirixe non pode ser "a policía do mundo" nin "responsábel de todo o que sucede". 

"Cando se fala do que é o traballo duro... incluso en condicións difíciles, estaslle dando á xente dignidade e orgullo, non caridade", apuntou o presidente da FIFA, xustificando as difíciles condicións duns traballadores emigrantes en Qatar que teñen por diante os duros meses de verán, no que as temperaturas poden alcanzar incluso os 50 graos centígrados.

Comentarios