Os homosexuais, persoas non gratas no Mundial de Qatar

Un 'bulo' volve evidenciar a homofobia no país.
O director executivo do Comité Organizador, Nasser Al Khater. (Foto: Europa Press).
photo_camera O director executivo do Comité Organizador, Nasser Al Khater. (Foto: Europa Press).

Nas páxinas de Nós Diario lévase informando periodicamente dos escándalos que rodean a Copa do Mundo de fútbol que comezará en Qatar o próximo 21 de novembro, desde a corrupción en forma de suborno de membros da FIFA na súa concesión até as infames condicións laborais dos traballadores estranxeiros que levaron a cabo a construción dos estadios e que se cobraron a vida de máis de 6.500 deses obreiros, segundo diversas fontes.

A cuarta pata do banco -a terceira sería a discriminación que sofren as mulleres- é a escasamente disimulada homofobia dos dirixentes do emirato. Despois de que a finais de decembro o director executivo do Comité Organizador do Mundial 2022, Nasser Al Khater, afirmara que as súas fronteiras estaban "abertas" para "as parellas homosexuais fans do fútbol" -aínda que tendo en conta que "as demostracións de afecto" son "problemáticas" no país", agora un bulo sinala que adoptarán unha postura ben diferente.

Nos últimos días viralizouse que, a través dun dos portavoces da organización, Qatar dixo que "quen leve a bandeira LGTBI na próxima Copa do Mundo será encarcerado de sete a 11 anos", algo que se encargou de desmentir o xornalista e fact-checker Marc Owen Jones, que localizou a orixe dun bulo que, porén, serviu para volver evidenciar a homofobia das autoridades do país, xa que a súa extensión sustentábase na súa credibilidade.

Rubiales di estar "máis forte que nunca"

O próximo Mundial, o de 2026, será organizado conxuntamente entre os Estados Unidos, México e o Canadá, un modelo que aspira a replicar a Federación Española de Fútbol (RFEF) xunto á de Portugal no ano 2030. Así o explicou esta terza feira durante a Asemblea Xeral Extraordinaria do devandito organismo o seu presidente, Luís Rubiales.

Salpicado pola sombra da corrupción desde a filtración duns polémicos audios, o ex lateral esquerdo sacou peito: "A nosa xestión non só foi boa, senón que está nos parámetros estritos da excelencia e a legalidade, só penso en seguir co meu traballo, o Mundial de 2030".

Joselu, ao Espanyol

O dianteiro galego de 32 anos, Joselu Mato, xogará no Real Club Deportivo Espanyol. Logo dunha boa tempada no plano individual pero mala no colectivo -anotou 14 goles pero o seu equipo, o Alavés de Vitoria, descendeu á Segunda División-, o ex de Celta e Dépor chega libre ao conxunto perico.

Comentarios