A Selección galega feminina de ciclismo ponse a proba en Portugal

Sete corredoras participarán na Volta ao Nordeste organizada pola Associação de Ciclismo de Bragança.
Corredoras da selección (Foto: DGC).
photo_camera Corredoras da selección (Foto: DGC).

A aposta da Federación Galega de Ciclismo (FGC) pola participación feminina traspasa fronteiras.

A selección da Galiza cruzará esta fin de semana sobre o río Miño para participar o sábado e o domingo na Volta ao Nordeste. Catro corredoras cadetes e tres júniors defenderán as cores do país polas estradas portuguesas. 

A convocatoria, confeccionada polo seleccionador Jacobo Ucha, compóñena o cuarteto cadete formado por María Filgueiras (Río Miera-Meruelo), Lorena Patiño (Compostelano-Mobles Compostela), Lara Fuentes (Cambre) e Lucía Ballester (Betanzos), e o trío xuvenil que integran Laura Mira (Supermercados Froiz), Carmen Mallo (Cambre) e Andrea Prado (Betanzos).

A expedición complétana Daniel López (mecánico) e Iván Losada (auxiliar).

Bo momento da selección

A Volta ao Nordeste porá a proba ás ciclistas tres semanas despois da súa participación no Campionato de España, onde Filgueiras conseguiu a medalla de ouro na contrarreloxo individual e Patiño fíxose co título en XCO, e cando resta un mes para que a selección feminina xuvenil dispute en Euskal Herria a Bizkaikoloreak, cita da UCI Women Junior Nations' Cup.

Segundo explican desde a Federación "o noso traballo vai encamiñado a ofrecer ás corredoras un completo calendario que inclúe competicións fóra da Galiza para axudalas no seu crecemento deportivo e fomentar o ciclismo feminino". 

A rolda organizada pola Associação de Ciclismo de Bragança comeza este sábado cun percorrido entre Carrazeda de Ansiães e Vila Flor, de 93,4 quilómetros para as xuvenís e de 62,6 para as cadetes, con final en alto. O domingo as dúas categorías afrontarán a mesma distancia, 64,9 km, con saída en Vila Flor e chegada a Mirandela.

comentarios