César Martín, campión de Liga co Deportivo: "Fomos o equipo máis fiábel da nosa época, a Liga non foi casualidade"

Tal día como hoxe, hai 21 anos, o Deportivo da Coruña proclamábase campión de Liga por primeira e única vez na súa historia. Un dos 25 heroes que asinaron aquela (irrepetíbel?) fazaña foi o defensa César Martín Villar (Oviedo, 1977), quen actualmente ocupa o cargo de director de Relacións Institucionais no equipo da súa 
cidade natal.
O defensa ovetense pasou no Dépor "os mellores anos" da súa carreira, entre 1999 e 2006. (Foto: RTPA).
photo_camera O defensa ovetense pasou no Dépor "os mellores anos" da súa carreira, entre 1999 e 2006. (Foto: RTPA).

-Con 21 anos fai vostede unha gran tempada no Oviedo, que se salvou comodamente e no que compartía o centro da defensa cunha lenda como Víctor Onokpo e vestiario con xogadores do nivel de Esteban, Paulo Bento, o ‘Tito’ Pompei, Dely Valdés, o malogrado Petr Dubovsky ou Manel, que ao final da tempada tamén puxo rumbo á Coruña. Curiosamente, ese Oviedo estaba dirixido por Fernando Vázquez, que logo sería moi importante na historia do Dépor. Que lembra desa última tempada alí? 

Si que foi un bo ano a nivel deportivo, do que gardo moi boas lembranzas. Tiñamos un grupo moi unido e cun grande adestrador, como era Fernando Vázquez. Para min foi chave o papel de Fernando tanto no equipo como a nivel individual, sacounos un gran rendemento, e da súa man conseguín dar un salto a un club grande como o Real Club Deportivo, na que, a pesar de ter 21, anos era a miña quinta tempada na Primeira División. Introduciu conceptos moi pioneiros por aquel entón, e aprendín moitísimo del.

-Como se fragua a súa chegada  á Coruña?

Eu estaba moi alleo a todo o que pasaba fóra do terreo de xogo. Antes non había tanta repercusión nin tantos rumores como agora, aínda que si que é certo que ao longo do ano houbo interese de varios equipos pola miña situación, pero o Deportivo foi o que máis insistiu en todo momento e estou moi contento da elección que fixen, de que o Dépor me dese a oportunidade de enrolarme nun club tan grande e no que pasei sete anos fantásticos. Eu sempre digo que son un xogador criado no Oviedo, e considérome a min mesmo oviedista, pero A Coruña será sempre a miña segunda casa porque alí pasei os mellores anos da miña carreira.  

-Era un dos membros máis novos daquel cadro de xogadores, o que lle confire quizais un punto de vista un tanto distinto. O obxectivo real, o que se marcaron a principio de tempada, era realmente o título de Liga?

Entrar naquel vestiario foi dar un paso adiante para min, pero tamén un reto. Alí estaban homes como Mauro Silva, Donato, Naybet, Djalminha... futbolistas que estaban a un altísimo nivel e dos que aprendín moitísimo ao seu lado, dentro e fóra do campo, pois todos tiñan un carácter gañador tremendo. 

En cada adestramento demostrábamos que a esixencia era máxima, todos eramos moi competitivos, e iso plasmábase nos partidos. E se algo tiñamos claro, quizais sen expresalo publicamente, era que ese carácter competitivo de cada un nos ía levar ao éxito, gañando cada partido con valentía e ambición, sen considerarnos menos que ninguén. Xogamos de ti a ti aos grandes de España e de Europa, e iso foi o que nos fixo campións de Liga e que logo nos levou a seguir moitos máis anos triunfando. Non foi unha carambola nin unha casualidade. O equipo era consciente do seu potencial, sabiamos que podiamos gañar en calquera estadio.

-Sempre foron conscientes dese potencial? Non houbo ningún momento en que dixeran iso de “oes, que isto vai en serio, imos gañar a Liga”?

Cando comeza a tempada non pensas no que vai acontecer, pero unha vez que ves esa competitividade da que falaba antes sabes que vas estar arriba. Un dos grandes méritos dese equipo era que non había un único xogador por posto, senón que dous e mesmo tres podían ser titulares, e esa competencia sa que existía levou a que todos estiveramos sempre a un gran nivel até ser xustos vencedores da Liga, e non por casualidade, como se demostrou en anos posteriores, pois fomos o equipo máis fiábel da primeira década do ano 2000. 

-Compartía posición con xente como Noureddine Naybet, Gabi Schürrer, Donato ou Luís Miguel Ramis. Aprendeu moito deles?

Moitísimo, e desde o primeiro día. Os compañeiros foron moi xenerosos e desde o primeiro momento tratáronme moi ben, aínda que teño a pequena espiña de que cando mellor estaba tiven que parar para operarme do pube, unha lesión que daquela era moi complicada. Por ese tema pasei media tempada mala, mais compensa sobradamente por todos os éxitos que conseguimos a nivel colectivo. Ninguén pode pedir máis que unha Liga.

-Como apuntaba anteriormente, o tempo, e a evolución do equipo, agrandaron a dimensión da xesta que conseguiron no ano 2000. Que opinión lle merece a situación actual do Deportivo?   

Sigo moi de preto o Dépor. Levo sete anos traballando na directiva do Oviedo, pero sufro como un seguidor máis do Deportivo. Téñoo sempre moi presente, miro os resultados e se podo os partidos, mais o fútbol ten estas situacións nas que as cousas non saen como un quere e atópaste de súpeto nun escenario que nin imaxinabas. Eu equiparo a súa situación á do Oviedo hai dez anos, que tamén o pasou moi mal, pero como aquí, o Dépor conta co seu maior patrimonio, que é a afección, cun apoio da xente que lle vai dar a fortaleza necesaria para avanzar e saír para adiante, porque xa tocaron fondo e todo o que vai vir serán cousas boas, até chegar á Primeira División, que é o sitio no que ten que estar o Deportivo. Volveremos ver o Dépor no máis alto, seguro.

Comentarios