VÍDEOS NO INTERIOR

Así foi a despedida de Carlos Mouriño: eloxios e críticas ao presidente máis lonxevo do Celta

A nova presidenta, Marián Mouriño, comprométese a que o Celta feminino sexa unha realidade a vindeira campaña e non aclara o futuro de Luis Campos.
Carlos Mouriño e Marián Mouriño, esta terza feira, ante a Xunta de Accionistas. (Foto: RC Celta)
photo_camera Carlos Mouriño e Marián Mouriño, esta terza feira, ante a Xunta de Accionistas. (Foto: RC Celta)

A Xunta de Accionistas do Real Club Celta ratificou esta terza feira a marcha de Carlos Mouriño após 17 anos na Presidencia. "Era o meu soño desde cativo", reiterou, ante a atenta mirada da súa filla e sucesora, Marián, e do Consello de Administración que o acompañou nos últimos tempos —Ricardo Barros, Pedro Posada, Primitivo Ferro, Carmen Avendaño, María José Táboas e Fernando Rodilla— e que tamén foi onte cesado para dar paso a un novo equipo directivo composto por cinco conselleiros —Antón Álvarez, Sergio Álvarez, Miguel Álvarez, José Dafonte e José Manuel Amoedo— e dúas conselleiras —Carmela Cuevas e Xisela Aranda—, alén da propia presidenta.

Atrás quedan case dúas décadas de luces e sombras do mandatario máis lonxevo da historia do Celta, que a partir de agora exercerá de Presidente de Honra. Mouriño comprou o equipo en 2006 de mans de Horacio Gómez, a quen xa acompañara durante o seu periplo como conselleiro, e nunha frenética campaña na que os celestes pasaron en poucos meses do ceo ao inferno. De voltar á Copa da UEFA a descender agonicamente na última xornada. O novo presidente acabou recriminando ao seu antecesor que lle vendese "unha mazá podre", en alusión á situación económica coa que se topou.

Despois chegaron cinco tempadas en Segunda que a punto estiveron de comprometer seriamente a viabilidade do equipo, inmerso nun concurso de acredores que rebaixou drasticamente unha débeda millonaria que seguía a ser neses momentos difícil de asumir e que sorteou a caída á categoría de bronce grazas á estrea en Balaídos pola porta grande de Iago Aspas ante o Alavés.

Aqueles anos culminaron co ascenso na 2011-12 da man do Deportivo da Coruña e estiveron marcados polo gran protagonismo que como nunca tomou a canteira, unha decisión motivada especialmente polas dificultades económicas. Doce campañas consecutivas na elite, dúas semifinais de Copa e unhas de Europa League son o balance do que presume Carlos Mouriño, cuxo gran proxecto persoal, a Cidade Deportiva Afouteza, logrou erguer nos montes de Tameiga (Mos, comarca de Vigo) non sen polémica, pois os tribunais déronlle numerosos reveses.

"Lembrarei a miña despedida cun orgullo especial cara á xente que tiven ao meu cargo. Isto conseguímolo con todos os empregados, era celtismo o que tiñamos todos. O mérito meu, se tiven algún, foi reunir este grupo de xente", afirmou o xa ex presidente no Salón Rexio da Sede. Mouriño tamén quixo dirixirse á afección celtiña, que nos últimos meses intensificou as críticas á súa xestión, e dixo comprendela: "Quizais, se estivese na bancada coma eles, tamén me criticaría".

Sobre os reiterados cánticos de 'Mouriño vaite xa' en Balaídos, asegurou que os lembrará "cun sorriso". "Porque, como digo sempre, a crítica ten que facernos mellores", apuntou. Acto seguido, pediu ao celtismo confianza na súa filla, herdeira do legado dunha "familia de celtistas". "Tes unha enorme responsabilidade", non só co Celta, senón tamén coa cidade", díxolle, ao tempo que lle desexou sorte na etapa que esta terza feira arrincou oficialmente.

Na Xunta de Accionistas, á que acudiron as persoas posuidoras de até 77,6% do accionariado total do Real Club Celta, non faltaron tampouco as críticas. O celtismo destacou especialmente nas redes sociais a intervención de Reyes Álvarez, presidenta da peña coruñesa Terra Celeste: "Se non fose por Iago Aspas, estariamos descendidos hai anos".

Para Álvarez, "lonxe de facer un equipo competitivo" arredor do dianteiro moañés, "pouco a pouco foron debilitando o grupo", reprochoulle. E se o equipo está sandado a día de hoxe en termos económicos, insistiu, "hai que ser ambiciosos, non loitar todos os anos pola permanencia".

No que respecta á afección e o trato que recibe do Celta, censurou, "é imposíbel resumir todo o que se fixo mal durante 17 anos". "O Celta é unha Sociedade Anónima Deportiva, a nosa misión non é o ladrillo, senón o fútbol", dixo, e a continuación lamentou as "mentiras" que dixo escoitar por parte de Mouriño.

Os compromisos de Marián Mouriño

A nova dirixente celtiña deslizou algunhas das liñas que rexerán o seu mandato. Un dos anuncios máis esperados foi o da creación dunha división feminina no clube que, prometeu, será unha realidade a vindeira tempada e presentarase nos vindeiros meses. E tamén se comprometeu a mellorar a relación coas persoas socias.

Marián Mouriño tamén se referiu ao cada vez máis cuestionado papel de Luis Campos na dirección deportiva, cuxo futuro fica no ar: "É un modelo de asesoría externa coa que me atopei e estiven traballando este verán con Luis Campos man a man. Empezamos a traballar nunha futuro organigrama e unha futura reestruturación da área", avanzou.

Comentarios