O Celta desexa sorrir de novo ante o Benfica co 7-0 na retina

Case un cuarto de século despois do que para boa parte da afección celeste foi o mellor partido da historia do club, Celta e Benfica volven medir forzas nun amigábel no marco do Troféu do Algarve. O seu comezo está previsto para as 21.30 horas de hoxe, e o xogo servirá como banco de probas para o técnico Rafa Benítez.  
O xigante Larssen aspira a continuar perforando redes logo do 'hat-trick' que asinou ante o Al-Nassr. (Foto: RC Celta).
photo_camera O xigante Larssen aspira a continuar perforando redes logo do 'hat-trick' que asinou ante o Al-Nassr. (Foto: RC Celta)

Jupp Heynckes  é unha das maiores lendas na historia do fútbol alemán, triunfando tanto no terreo de xogo como posteriormente como adestrador en clubs do nivel de Real Madrid e Bayern de Múnic.

Outro dos xigantes dirixido polo xa retirado preparador de Mönchengladbach foi o Bénfica, a quen adestrou unicamente na tempada 1999/2000 -con José Mourinho como axudante-, en parte a causa da á ferida de morte que lle causou o, quizais, mellor Celta de todos os tempos.

Corría o 25 de novembro de 1999 cando o conxunto celeste deixou pampo a todo o mundo do fútbol após golear por nin máis nin menos que sete goles a cero ao xigante luso. Dutruel, Velasco, Cáceres, Goran Đjorović, Juanfran; Claude Makélélé, Giovanella, Karpin, Mostovoi, Gustavo López; e Mario Héctor Turdó, co galego Pablo Coira, Tomás Hervás e o sudafricano Benni McCarthy entrando desde o banco dos suplentes, esnaquizaron todos os récords marcando sete tantos en pouco máis de 30 minutos, entre o primeiro de Karpin no 19 e o último de Mostovoi no 61, perforando a meta defendida polo malogrado Robert Enke tamén Makélélé, Karpin, Juanfran e Turdó por dúas veces.

Concluído o partido, o xornal Público titulou a súa crónica cun contundente "A noite máis negra do Benfica", que competía en dramatismo co "O Benfica sofre a maior e máis humillante derrota da súa historia europea" de A Bola.

Agora, case un cuarto de século máis tarde, vítima e verdugo volven medir forzas nun contexto ben diferente, o Troféu do Algarve, que enfronta galegos e portugueses nun triangular de carácter amigábel co Al-Nassr saudita de Cristiano Ronaldo. 

Este novo duelo terá lugar no Estádio Algarve ás 21.30 horas desta sexta feira, e servirá para que o novo Celta de Benítez continúe calibrando forzas despois de esmagar por 5-0 a CR7 e os seus compañeiros na pasada segunda feira. O técnico podería ofrecer á afección, a maiores, o incentivo de outorgarlle os seus primeiros minutos a Jonathan Bamba.

Comentarios