O Celta e o Dépor abren as súas campañas de abonados

O centenario marca a tempada do club celeste tamén na campaña de abonos. O Dépor, pola súa parte, amplia en cinco anos máis a franxa de idade de abonos bonificados.
Bancada de animación en Balaídos (Foto: RC Celta).
photo_camera Bancada de animación en Balaídos. (Foto: RC Celta)

O Celta e o Dépor puxeron en marcha onte as súas respectivas campañas de abonos para esta tempada. No caso do equipo celeste, coincide co inicio do Centenario polo que a campaña, co nome de "90 minutos de sentimento", está relacionada con esta efeméride.

Por este motivo, e por sexta tempada consecutiva, o club mantén os prezos dos abonos, coa excepción da nova bancada de Marcador. Unha das principais novidades é a decisión de  eliminar a cota de alta e contar cun cupón de desconto para adquirir a camiseta do primeiro equipamento. Alén diso, todos os abonados que se atopaban na Bancada Seareiros serán trasladados a Marcador Baixo. Non será necesario realizar trámites excepcionais para a renovación do abono. 

Nesta tempada poderán renovar o Carné Amigo aquelas persoas que xa foran titulares na tempada anterior e, debido a circunstancias particulares, aínda non poden volver a Balaídos. O custo do Carné Amigo para a tempada 2023/24 redúcese a 50 euros, en comparación cos 70 euros da tempada anterior.

Para adulto o abono máis caro será de 693 euros, no centro de Tribuna Alta, e o máis económico os 250 de Marcador Baixo, que será a bancada de animación. Para darse de alta e contar co abono habilitouse unha lista de agarda e o club porase en contacto o 27 de xullo.

A campaña do Dépor

O Dépor tamén iniciou a súa campaña de abonos, que leva por nome "Volve soñar, sentir, vivir" con importantes novidades. Unha delas é a ampliación, en cinco anos máis, da franxa de idade de abonos bonificados.

Para esta campaña crearon un abono Sub 30, favorecendo a aqueles que ao cumprir os 25 anos pasaban a pagar o carné completo. Ademais, auméntase o desconto para os abonos Sub 25, favorecendo a un maior número de seareiras e seareiros de entre 15 e 25 anos. Esta tempada o abono máis caro é o de tribuna superior (450 euros) e o máis económico o do Pavillón inferior (145 euros).

Coa política aplicada esta tempada, para todos os partidos de Liga e do Teresa Herrera, os prezos por encontro cos abonos oscilan entre os 2,25 e 22,5 euros, cantidade que diminúe se se xogan partidos de Copa do Rei na casa ou se se acode a Abegondo a animar, sen custo adicional, ao Dépor Abanca, ao Fabril ou ao Xuvenil. 

Comentarios