O Celta busca seguir gañando na Copa

Sen apenas tempo para asimilar o gran triunfo logrado na casa do terceiro clasificado o pasado domingo, a escuadra olívica regresa á acción nesta cuarta feira (20 horas) para tratar de seguir avanzando na Copa á custa do Atlético Baleares.
Rubén Blanco será o escollido para defender a portería olívica en lugar do habitual na competición ligueira, Matías Dituro.  (Foto: Europa Press).
photo_camera Rubén Blanco será o escollido para defender a portería olívica en lugar do habitual na competición ligueira, Matías Dituro. (Foto: Europa Press).

O torneo do KO é unha competición moi especial para o Chacho Coudet, responsábel técnico do Celta, que xa manifestou en máis dunha ocasión o seu anhelo por conquistar un título, e a Copa é a opción máis plausíbel.

Iso non é óbice para que, e máis tendo en conta a parada de Nadal e todos os problemas causados pola Covid-19 no cadro de xogadores, no Estadio Balear de Palma de Mallorca, forme cun once moi distinto do que conseguiu os tres puntos no Benito Villamarín.

Un cambio seguro será na portaría, pois Rubén Blanco xa foi o escollido polo arxentino para defender a meta celeste ante o Andorra na rolda anterior e nada fai pensar que vaia optar polo seu compatriota Dituro, titular na Liga.

Tamén resulta plausíbel a titularidade do lateral Kevin Vázquez, xa recuperado da indisposición estomacal que sufriu antes do choque co Betis.

Acompañándoo na liña defensiva Coudet podería repetir a improvisada pero eficaz parella defensiva Okay Yokuslu-Carlos Domínguez, e no carril esquerdo non é descartábel a presenza do capitán Hugo Mallo, que xa deixou atrás o coronavirus.

O centro do campo estaría ocupado por outro home que acaba de superar a Covid, Renato Tapia, mentres que na liña de tres cuartos e na punta do ataque as incógnitas multiplícanse a causa do seguro descanso de Iago Aspas e Denis Suárez, pero o que si semella seguro é que, como en Andorra, Nolito e Gabri Veiga serán da partida.

O equipo máis veterano da terceira categoría

O Atlético Baleares ocupa a cuarta posición no grupo 2 da Primeira RFEF, o que o confirma como un claro aspirante a lograr o ascenso á Segunda División.

O rival do Celta destaca pola súa experiencia -non por nada é o equipo máis veterano da súa categoría, con 29,2 anos de media-, e os defensas celestes deberán preocuparse dos seus 'homes-gol', o ex deportivista Dioni e o brasileiro Vinicius Tanque.

Comentarios