Carlos Julio, xogador do CD Lugo: "Buscamos un punto de inflexión"

O dominicano gañou peso no equipo desde a chegada de Paulo Alves  ao banco albivermello.
O lateral xoga no CD Lugo.
photo_camera O lateral xoga no CD Lugo.

O Club Deportivo Lugo, logo dunha pésima xeira de resultados que puxo contra as cordas o seu adestrador, Paulo Alves, reconciliouse coa vitoria no último partido de xaneiro -vencendo por 1  a 0 a Real Sociedade B- e, no primeiro do presente mes de febreiro, rañando un valioso empate no sempre complicado campo do Real Unión de Irún.

Na próxima xornada, a vixésimo primeira de campionato, o décimo clasificado da Primeira Federación aspira a facerse forte no Ángel Carro para obter os tres puntos ante Osasuna B, a quen recibe ás 19 do domingo.

Con todo, os albivermellos non desexan vender a pel do xabaril antes de cazalo, que dirían Astérix e Obélix, e nunha rolda de prensa no día de onte o lateral dominicano Carlos Julio salientou que "os filiais son complicados, teñen moita enerxía e xogan moi ben".

Con todo, lembrou que no encontro de ida o choque cos rojillos supuxo un "punto de inflexión", e agarda que facendo valer a súa "experiencia" sexan quen de "dar unha alegría" ao público lucense.

No plano individual, o de Santo Domingo, que non contaba con oportunidades co predecesor de Alves no cargo, Pedro Munitis, non ocultou a súa "alegría" por xogar, mais apostilando que "se o éxito non é colectivo, a tempada non é boa" nin para el nin para ninguén do equipo.

Comentarios