Fútbol

O cántabro Pedro Munitis dirixirá o Club Deportivo Lugo

O técnico procede do Sabadell.
O técnico e ex futbolista Pedro Munitis. (Foto: CE Sabadell)
photo_camera O técnico e ex futbolista Pedro Munitis. (Foto: CE Sabadell)

O Club Deportivo Lugo xa ten substituto para o saínte Íñigo  Vélez á fronte do primeiro equipo albivermello. Trátase dun vello coñecido do fútbol galego, o cántabro Pedro Munitis, que como futbolista defendeu as cores do Real Club Deportivo da Coruña durante tres tempadas entre 2003 e 2006.

De feito o seu nome soou con forza para ocupar o cargo deixado polo destituído Rubén De la Barrera á fronte do Dépor, especialmente desde que a comezos de semana fora visto nas inmediacións dun hotel herculino.

Non obstante, foi o Lugo quen se fixo cos servicios dun preparador que conta cunha ampla experiencia nunha terceira categoría na que leva dirixindo de forma ininterrompida desde 2015, primeiro ao Rácing de Santander e logo a Ponferradina, UCAM, Badaxoz e Sabadell.

Con el, que asinou por dúas tempadas, chega un equipo composto por Manuel Sánchez en calidade de segundo adestrador e Josellin Juncker como analista e asistente dun corpo técnico que agora debe comezar a traballar, en colaboración co tamén novo director deportivo David Peláez, nas novas fichaxes.

Polo de agora, o Lugo conta só con tres futbolistas de cara á tempada 2023/24 (Cuéllar, Carbó e Loureiro), xa que 19 dos homes que descenderon hai unhas semanas rematan contrato o próximo 30 de xuño.

Comentarios