Os Campionatos Galegos Sub-16 e Sub-18 xuntan en Ourense o futuro do atletismo

Último gran evento antes do Estatal de pista curta.
Sobre a superficie sintética de Expourense actuarán máis de 1.500 deportistas. (Foto: FGA).
photo_camera Sobre a superficie sintética de Expourense actuarán máis de 1.500 deportistas. (Foto: FGA).

A pista cuberta de Expourense vivirá esta fin de semana, en pleno ambiente de Entroido na Cidade das Burgas, o desenvolvemento dunha intensa xornada de competición atlética que reunirá máis de 1.500 deportistas masculinos e femininos.

Será tan cedo como o sábado, a partir das 10 horas, cando dea comezo o Campionato da Galiza Sub-16, na que tomarán parte nomes tan prometedores como o do plusmarquista galego nos 60 metros lisos, Aarón Pérez (Adas Cupa), quen parte como claro favorito tanto nesta distancia como no salto de lonxitude, pois lidera o ránking estatal da tempada con 6,51 metros.

Xa nos 300 metros, Joel Santana (Celta) aspira a facer valer o seu rexistro de 37.90 para colgar do pescozo a medalla de ouro, o mesmo que Irma Veiguela (Ría Ferrol) co seu 1.38.43 nos 600 metros.

Máis competida promete estar a proba dos 1.000 metros, no que tomarán parte os líderes da clasificación estatal Xoel Otero (Beade, 2.40.39) e Mario Lorenzo (A Purísima, 2.41.37). Pola súa parte, a campioa de España dos 3.000 metros do ano pasado, Sabela Castelo (Sociedade Ximnástica de Pontevedra), participará tanto sobre esta última distancia como na dos 1.000 metros na procura de repetir os excelentes resultados do 2023.

Na súa modalidade masculina,  Enrique García-Boente (Atlética Lucense) non debería ter problemas en facerse co título Nacional, o mesmo que Guillermo Pereiro (SXP) nos 60 valos e Hugo Casañas (Rías Baixas) nos lanzamentos, quen hai escasos días protagonizou un novo récord de España logo de enviar o artefacto até os 20.30 metros de distancia.

O domingo, para a Sub-18

Un día despois do Galego Sub-16, o domingo día 11 de febreiro, estará reservado integramente para o desenvolvemento do Campionato Xunta da Galiza Sub-18, que estará estruturado en xornada de mañá e de tarde.

Coa mente posta no Estatal do vindeiro día 25 deste mes saltarán ao sintético de Expourense os máis importantes atletas galegos e galegas da actualidade na categoría. Entre eles e elas cabe destacar o que promete ser un dos grandes atractivos do certame, o man a man que manterán nos 800 metros masculinos o bronce estatal Sub-18 do ano pasado, Daniel Salgueiro (Coruña Comarca), e o subcampión Sub-16 do mesmo evento, Javier Picos (Marineda Atlético), distancia na que Sabela Martínez (SXP) debería facer valer os 2.13.15 que a sitúan nos postos 'top' do ránking estatal.

O tamén campión de España Sub-16 de 2023 nos 3.000 metros, Alex Sierpes (Trega) dá o salto pensando en comezar a engadir metais na súa nova categorías, algo que non terá tan doado nos 1.500, pois Iker Fernández (A Gándara) poralle as cousas moi difíciles.

Nos valos, Leo Rodríguez (Celta), con 8.21, parte como claro aspirante ao título, ao igual que sobre o listón de altura a medallista estatal Sub-16 Iria Solera (A Purísima) e Gael Couñago (AD Fogar) na modalidade masculina.

Ana Peleteiro aínda non ten a mínima olímpica

Deixando as categorías de base pola absoluta, a saltadora galega Ana Peleteiro ficou a tan só dez centímetros de obter a marca mínima (14,20) para estar nos Xogos Olímpicos de París, pero non perde a esperanza. "Está a punto de saír [o salto], estou para iso, en termos de forma mellor que nunca, agardemos que en Ourense chegue", afirmou.

Comentarios