A camiseta do Celta, "envexa" das celestes

O club presenta a nova indumentaria retando a Nápoles, Lazio ou City.
celta_roma
photo_camera Anuncio da camiseta nun autobús, diante do Coliseum de Roma (Foto: RC Celta)

"Sorry, Citizens", "Ci dispiace, Laziali", "Lo sentimos, Charrúas". A ritmo de tango, cos versos "siento envidia, siento celos", o Celta presentou esta cuarta feira mediante un vídeo colgado nas súas redes sociais a súa nova camiseta. E pedindo "desculpas" por, con fachenda deportiva, presumir de ter a máis fermosa das elásticas celestes no universo futbolístico. 

O xogador Denis Suárez é o protagonista do vídeo de apenas un minuto de duración, que ao longo do día de hoxe foi seguido por varias imaxes con anuncios publicitarios da indumentaria colocados en Nápoles, Manchester ou Nova York, onde xoga o New York City FC, filial nos Estados do City inglés. 

Estas imaxes pretenden supor unha especie de "desafío" a estes clubs, segundo explicaron desde o vigués, que acompañou a campaña publicitaria coa etiqueta #EnvidiaCeleste. 

Ademais, tras o anuncio oficial da primeira camiseta para a tempada 2021-22, filtráronse imaxes da segunda equipación, que homenaxea a Vigo. 

É vermella e branca ─as cores representativas da cidade─ cunha banda celeste dividindo a elástica na súa parte central, e loce os elementos significativos do club: a cruz de Santiago e o trisquel na parte superior.

Fichaxes e saídas

Por outra banda, continúan os movementos de cara a composición dos equipos galegos de cara á vindeira tempada. 

Na Segunda División, o Lugo está a tomar con calma o mercado estival. Até o momento tan só confirmou dúas novas incorporacións (David Mayoral e Juan Antonio Ros) e cinco renovacións ( Pita, Seoane, Campabadal, Canella e Xavi Torres).

Na Primeira RFEF, o Deportivo da Coruña e o xogador Claudio Beauvue comunicaron esta cuarta feira que chegaran a un acordo polo cal o de Guadalupe se desvincula do club e xa no continuará na disciplina deportivista.

Nesta categoría, o Rácing de Ferrol iniciou hoxe os adestramentos de cara a preparar a volta á competición, na fin de semana do 28-29 de agosto, aínda sen coñecer quen será o rival. Os grupos xa están formados, mais aínda resta por coñecer o calendario para esta próxima tempada 2021-22.

E na Segunda RFEF, o Compostela anunciou onte a fichaxe de Antonio Salado, extremo zurdo de 24 anos, nacido en Sestao, e procedente do Portugalete.

Comentarios