Pretempada do Celta con tan só tres amigábeis

Encontros de preparación antes da súa estrea na Liga o próximo 15 de agosto fronte ao Atlético de Madrid, vixente campión.
celta_adestramento
photo_camera O Celta viaxou de Vigo a Marbella o pasado domingo para iniciar a pretempada (Foto: RC Celta)

O arxentino Eduardo Chacho Coudet, adestrador do Celta de Vigo, deseñou unha pretempada con tan só tres partidos de preparación antes de estrearse na competición o próximo domingo 15 de agosto fronte ao Atlético de Madrid, vixente campión de LaLiga.

O primeiro destes encontros será o 24 de xullo fronte ao Atlético Sanluqueño da Primeira RFEF, en Marbella, localidade onde os xogadores celestes chegaron o pasado domingo e se adestrarán en xornadas de dobre sesión até o 23 de xullo nas instalacións do Marbella Football Center.

O segundo partido amigábel  do Celta disputarase en Alemaña o sábado 31 de xullo. Será ante o Bayer Leverkusen, que na tempada 2021-22 volverá competir na Liga Europa.

O equipo celeste pechará a pretempada en Inglaterra cun amistoso ante o Wolverhampton, da Premier League, que está previsto para o 7 de agosto, só unha semana antes de recibir o conxunto de Diego Pablo Simeone en Balaídos.

Saídas de xogadores

A pretempada estará marcada polos movementos de entradas e saídas de xogadores de cara ao novo curso futbolístico. 

A Marbella xa non viaxou David Costas, que non contaba para o club e xogará as vindeiras tres campañas coa camiseta do Real Oviedo. Costas, de 26 anos, xa estivera nas filas do conxunto asturiano na tempada 2016-17, xogando 19 partidos e anotando tres goles. O Celta levaba dúas tempadas buscando a súa saída.

Tamén se quere desfacer de Emre Mor o club vigués, que viaxou a Marbella soamente con 20 xogadores. Mor permanece en Vigo adestrándose na Madroa á espera de que se resolva o seu futuro. O Celta busca ademais unha saída para Sergio Carreira, Toro Fernández e Okay Yokuslu.

Comentarios