O Burela FS refórzase con 'Malaguti' para esta tempada

O novo xogador gañou a pasada liga polaca.
O zamorano Iván de Uña Feliz, 'Malaguti', á esquerda (Foto: Nós Diario).
photo_camera O zamorano Iván de Uña Feliz, 'Malaguti', á esquerda (Foto: Nós Diario).

O Burela FS confirmou a terceira fichaxe para a próxima tempada. Iván de Uña Feliz, 'Malaguti', será un dos novos xogadores do conxunto formado por David Rial para defender a cor laranxa a tempada vindeira. O xogador zamorano de 26 anos, procede do KS Constract e xogou case toda a súa carreira no equipo da súa terra, o Atlético Benavente. Comezou con 18 anos no equipo xuvenil combinando a súa participación co equipo sénior.

Tras unha breve estadía no Cidade de Narón, volve e participa no ascenso a segunda división, disputando a final polo ascenso a primeira na tempada 21/22. En decembro de 2022 ficha polo KS Constract, equipo polaco de Primeira División, co que gaña a Liga a tempada pasada. 

Vir a un club "serio"

Moi emocionado pola súa incorporación ao cadro burelán, 'Malaguti' afirma que "o que máis me atraeu de fichar polo Burela é que é un equipo familiar, un equipo con moita historia que estivo en Primeira División moitos anos, cun equipo feminino que é o mellor de Europa e do mundo, e estar nun club tan serio como o Burela".

O xogador zamorano recoñece que desde que está centrado no fútbol sala segue o Burela e sempre pensou en que "algún día xogaría alí". Para 'Malaguti', o equipo galego da Mariña "ten unha afección incríbel e é un club familiar". 

Sobre as súas expectativas persoais afirma que agarda "levar unha experiencia incríbel, esperemos que este ano cumpramos os obxectivos marcados polo club e, pola miña parte, esperemos que non sexa un ano e sexan moitos".

O xogador zamorano, por último, afirma que quere "pór ao club onde merece, é un club que debe estar en Primeira División e tentaremos loitar para iso". Consciente da importante afección que forma parte deste club, 'Malaguti' anima a "seguir apoiándoo como sempre fixeron".

Por parte do club, o seu presidente, Manuel Blanco, confía en que esta nova fichaxe sexa quen de "reforzar moito o cadro de xogadores" para "traernos unha  maior amplitude en ataque" polo que agarda que "veña con tino e nos axude a incrementar a lista de goles para o equipo esta tempada. Xogou en equipos de gran nivel, vén de gañar a liga polaca en Primeira División e sabemos que se vai adaptar enseguida".

Comentarios