Fútbol sala

O Burela viaxa a Zaragoza co desexo de gañar para avanzar de rolda nos 'play-off' de ascenso

Un triunfo laranxa deixaría os da Mariña a un só chanzo de regresar á elite do fútbol sala.
Adri Ortego, do Sala 10 Zaragoza, pugna por un balón con Alberto, do Burela, no primeiro partido. (Foto: LNFS)
photo_camera Adri Ortego, do Sala 10 Zaragoza, pugna por un balón con Alberto, do Burela, no primeiro partido. (Foto: LNFS)

O masculino do Pescados Rubén Burela encara esta sexta feira (20.30 horas) o segundo partido da fase de ascenso á Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS), a máxima categoría a nivel estatal. Nesta ocasión o encontro terá lugar no Pavillón Século XXI de Zaragoza, onde o conxunto local Sala 10 tratará de igualar a eliminatoria logo do triunfo laranxa no seu primeiro choque.

A pesar do teórico favoritismo galego, os maños estiveron a piques de dar a sorpresa en Vista Alegre, pois até en dúas ocasións estiveron por diante no marcador, obrigando os da Mariña a chegar até unha quenda de penaltis na que a sorte estivo do seu lado.

Para evitar máis sorpresas desagradábeis, fechar definitivamente a eliminatoria e evitar así chegar a un terceiro partido que se desenvolvería de novo en Burela o próximo día 30 de maio ás 20.30 horas, os pupilos de David Rial están obrigados a conseguir o triunfo no coliseo zaragozano.

O técnico compostelán recoñeceu que na ida o Sala 10 fixo que os seus homes se sentiran "bastante incómodos", polo que, indica, o Pescados Rubén debe "mellorar un pouco todo, porque o rival ten bastantes recursos para facer dano". Porén, pensa que unha vez eliminada a "presión" do primeiro partido, haberá cambios "no factor mental" que lles permitan "ofrecer unha mellor versión".

Tamén nesta liña se manifestou o líder sobre a pista, David Pazos -autor de 36 tantos nos últimos 31 encontros de Liga-, quen está convencido de que os seus compañeiros "afrontarán o choque como se dunha final se tratase", impedindo que, como sucedeu na ida, o Sala Zaragoza "xogue cómodo durante moitos minutos".

Desde a capital de Aragón, polo contrario, pensan que co apoio do seu público "todo pode pasar". "Até que non soe a bucina do final hai que estar preparados", declarou Jorge Palos, o adestrador do Sala 10, quen confía no sensacional estado de forma da súa estrela, Richi Felipe, que demostrou en Vista Alegre que pode chegar a ser un pesadelo para a entidade galega.


O Noia Portus Apostoli depende dun milagre

O Pescados Burela quere ascender a unha categoría na que o único conxunto galego é un Noia Portus Apóstoli que sorprendeu todo o mundo do fútbol sala coándose no play-off polo título ligueiro. Lamentabelmente, o seu primeiro rival foi o vixente campión de Europa, un Mallorca que non tivo piedade do seu humilde rival e gañou 8-2 nun primeiro partido que semella case definitivo. Con este resultado, o Noia está obrigado a vencer mañá (19 horas) no Agustín Mourís para forzar o terceiro e definitivo compromiso.

Comentarios