Fútbol sala

PREVIA | O Burela defende o liderado da Primeira ante o Melilla

Tamén destaca un derbi Poio-Ourense OnTime na máxima categoría estatal, onde xogan seis equipos galegos.
O Pescados Rubén Burela-Futsi Atlético Navalcarnero é o gran clásico a nivel estatal desde hai máis de 10 anos. (Foto: RFEF).
photo_camera O Pescados Rubén Burela-Futsi Atlético Navalcarnero é o gran clásico a nivel estatal desde hai 10 anos. (Foto: RFEF).

A máxima categoría estatal con maior representación galega, a Primeira Federación de Fútbol Sala Feminino, con seis equipos do país sobre 16 totais, volve a carga esta sábado con interesantes compromisos que farán as delicias dos e das amantes da modalidade indoor do fútbol.

O líder, un Pescados Rubén Burela que asaltou a pasada fin de semana o primeiro posto a costa do destronado Arriva Alcorcón, colisiona ás 18.45 no Pavillón de Vista Alegre contra outro conxunto da zona alta, Melilla Torreblanca, que na xornada anterior obtivo en África un triunfo pírrico sobre O Castro de Castro de Rei (1-0).

Estes últimos tratarán de reporse do golpe, que os deixa con tan só dous puntos de ventaxa sobre un limiar do descenso que marca o Atlético Torcal con tres, na súa case e ante un rival directo como é o Futsal Alcantarilla a partir das 18 horas.

A única escuadra da Galiza por debaixo do Castro na clasificación é o Marín, que non acaba de atopar a tecla para recuperar o rendemento que a caracterizou o ano pasado e acumula xa catro derrotas en seis partidos, sendo o antigo líder, Alcorcón, contra quen xogará ás 19.30 horas, un dos peores contrincantes posíbeis para comezar a reencontrarse a si mesma. 

Tampouco será cómodo o duelo do Viaxes Amarelle da Coruña, que ás 18 horas da tarde recibe no Pavillón Sagrada Familia da cidade herculina o cuarto clasificado, STV Roldán de Murcia, quen na súa última visita a terras galegas logrou rañar un empate na sempre complicada pista de Burela.

Por último, Poio Pescamar e Ourense On Time protagonizarán o derbi fratricida do día, que fechará a xornada ligueira ás 20 horas da tarde. A pesar de que as da Cidade das Burgas ocupan un posto superior na táboa, a vitoria na última xornada da formación pontevedresa sobre o Alcorcón, combinada co feito de actuar como local, fai dela a favorita a quedar cos puntos.

Exame en Murcia para o Noia Portus Apostoli

Con respecto aos homes, o único equipo do país na elite, Noia Portus Apostoli, afronta un complexo exame ás 18 horas deste sábado en Murcia para derrubar o fortín dun histórico, reto para o que Tomas de Dios, preparador dos galegos, terá á súa disposición a todos os seus homes, salvo os mancados Atto e Preá.

Comentarios