A Galiza, ao asalto do liderado ligueiro na máxima categoría de fútbol sala

Burela necesitará vencer o Futsi e que o Poio faga o propio co Alcorcón.
O Pescados Rubén Burela-Futsi Atlético Navalcarnero é o gran clásico a nivel estatal desde hai máis de 10 anos. (Foto: RFEF).
photo_camera O Pescados Rubén Burela-Futsi Atlético Navalcarnero é o gran clásico a nivel estatal desde hai 10 anos. (Foto: RFEF).

A competición de elite con maior dominio galego que existe, a Primeira División do Fútbol Sala Feminino, onde os equipos do país copan seis dos seus 16 postos, encara unha sexta xornada ligueira que promete ser da máxima relevancia para os intereses dos conxuntos da Galiza.

O Pescados Rubén Burela, segundo con 13 puntos, xogará cun ollo posto no que aconteza no Poio Pescamar-Arriva Alcorcón (A Seca, mañá, 17.30 horas), xa que as madrileñas son as líderes con 15. 

A ocasión é propicia para que a escuadra conserveira dea un golpe enriba da mesa e recupere unhas sensacións que non acaba de atopar neste comezo ligueiro, pois perdeu tres dos cinco partidos disputados até o momento.

Na rolda de prensa previa, a granadina Rocío Gómez explicou esta circunstancia destacando a "competitividade" existente nunha Liga que para ela semella "cada vez máis igualada". Con respecto ao seu rival, o líder, salientou que "a pesar de contar sempre cun bo cadro de xogadoras", semella que "coas incorporación que fixeron este verán, agora teñen máis gol".

Non obstante, ademais de agardar que gañe o Poio, o Burela está obrigado a saír vitorioso do clásico ante o outro xigante do fútbol sala estatal, Futsi Atlético Navalcarnero (Polideportivo Municipal A Estación, mañá, 18 horas), terceiro clasificado cun só punto menos que a entidade galega.

Derbi entre Ourense OnTime e Viaxes Amarelle

Fóra da loita pola cabeza da táboa, Ourense OnTime e Viaxes Amarelle da Coruña, oitavo e noveno clasificado, respectivamente, colisionarán no Pavillón dos Remedios da Cidade das Burgas (mañá, 18 horas) nun derbi no que o gañador podería achegarse a uns postos de privilexio que ambos teñen situados a apenas dous puntos de distancia.

Para lograr ese obxectivo poderían contar coa colaboración do FSF O Castro, pois a formación de Castro de Rei xoga unha hora máis tarde no Pavillón de Deportes de Melilla contra o Torreblanca, sétimo clasificado con nove puntos. Ademais, o Marín procurará saír da zona baixa a costa dun rival directo no pozo, Alcantarilla (Pavillón Asociación de Amigos, mañá, 18.30 horas). 

Poio contra Burela na Copa Galiza

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) levou a cabo na súa sede na cidade olívica o sorteo da XVII Copa Galiza de Fútbol Sala feminina e da XXXII masculina.

No caso das mulleres, entraron no bombo catro das seis representantes do país na máxima categoría estatal -Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar, Marín Futsal e FSF o Castro (de Castro de Rei)-, deparando a sorte un enfrontamento nas semifinais entre as dúas máximas candidatas a facerse co triunfo final, as laranxas do Burela e as conserveiras do Poio, que veñen, ademais, de fechar a súa última incorporación no mercado de fichaxes, a pivote navarra Carla Ayensa, que procede do Alcantarilla.

O partido está programado o día 14 de febreiro en horario e lugar aínda por determinar, o mesmo que o Marín-O Castro do que sairá o outro finalista.

Movendo o foco aos homes, a primeira rolda, prevista tan cedo como o 1 de novembro, será a de cuartos de final, que xuntou o Noia co Coruxo, o Stellae contra o Burela, A Estrada ante O Parrulo e o Lugo co gañador do Ribeira-Vilalba. 

Comentarios