Xustiza

O breoganista Ben McLemore, detido por violación

O xogador desprazárase aos EUA na terza feira por asuntos persoais e prevía volver hoxe, pero segundo medios locais estaría en prisión.
Ben McLemore, durante un partido desta tempada. (Foto: CB Breogán)
photo_camera Ben McLemore, durante un partido desta tempada. (Foto: CB Breogán)

Unha das grandes estrelas do Leite Río Breogán desta tempada, o aleiro estadounidense Ben McLemore, foi detido nas últimas horas no seu país, a onde se desprazara esta pasada terza feira para resolver "asuntos persoais" —contaba retornar esta quinta feira—, acusado de violación en primeiro grao e outros delitos de abuso sexual, segundo informan diferentes medios locais. O xogador estaría retido no cárcere do condado de Clackamas, en Oregón. Os feitos remontaríanse dous anos atrás, durante a súa etapa nos Portland Trail Blazers da NBA.

Após declarar diante da xuíza instrutora do caso, Katherine Weber, segundo a información transcendida até o momento, impúxolle unha fianza de medio millón de dólares —uns 465.865 euros ao cambio actual—, mais aceptou que abone un 10% —50.000$— para permitirlle viaxar de volta até Lugo, abrindo a porta a que, se o considera oportuno Breogán, reincorporarse aos adestramentos nos próximos días.

Polo de agora non se coñecen demasiados detalles desta causa, que permanece secreta e a identidade da vítima, anónima. Os cargos que se imputan serían os de violación en primeiro grao con penetración e dous cargos de abuso sexual en segundo grao. Nos vindeiros días iranse coñecendo os pormenores da acusación e o proceso xudicial contra o xogador breoganista.

McLemore, con medio milleiro de partidos na NBA ás súas costas, chegou a Lugo en decembro pasado e non tardou en converterse nunha das pezas indispensábeis do Breogán, promediando 13,7 puntos e 2,8 rebotes nos 13 encontros da ACB disputados até o momento.

Porén, non foi este o primeiro incidente público que transcendeu sobre Ben McLemore, pois o pasado mes de marzo foi denunciado por axentes da Policía Local de Lugo por conducir en estado de embriaguez e negarse a se someter á proba de alcolemia, chegando a enfrontarse verbalmente cos policías.

Comentarios