Fútbol | Portugal

Máis de cen anos de historia do fútbol luso á venda: o Boavista tenta recuperar os seus trofeos, actualmente en poxa pública

As débedas do clube centenario derivaron na incautación da Liga, as cinco Taças e as tres Supercopas que gañou.
Estadio do Boavista, na cidade do Porto. (Foto: Boavista FC)
photo_camera Estadio do Boavista, na cidade do Porto. (Foto: Boavista FC)

O Boavista Futebol Clube naceu na cidade portuguesa do Porto o 1 de agosto de 1903, unha década despois de entrar en acción o seu grande grande rival, o FC Porto. Nos seus primeiros anos de existencia oscilou entre a primeira e a segunda categoría do deporte rei no país veciño, até que se consolidou na elite cun ascenso na tempada 1969-70.

Aí comezou a época dourada do Boavista, que se alzou no último cuarto do século XXI con cinco Taças de Portugal —dúas delas consecutivas, en 1975 e 1976— e coa entrada do novo milenio tornou no único equipo, canda Os Belenenses (1946), en rachar co dominio que desde sempre imperou no fútbol portugués da man de Benfica, Sporting e Porto.

Os branquinegros fixeron historia gañando o título da Primeira Liga no curso 2000-01 e logrando así o billete para a Liga de Campións da UEFA. Ao ano seguinte o Boavista ficou ás portas de repetir a xesta selando un meritorio segundo posto. Aliás, ao título ligueiro e mais os cinco no torneo do KO cómpre sumar outras tres Supercopas, en 1979, 1992 e 1997.

Porén, após varias décadas derrubando muros e situándose na elite do fútbol luso os problemas económicos, derivados en gran medida da construción do novo Estádio do Bessa XXI co gallo da Eurocopa que acolleu Portugal en 2004, e un grave escándalo de corrupción que implicou varios equipos provocaron a caída en picado da entidade.

En 2008 o Boavista foi descendido administrativamente á Segunda División por suposta "coacción arbitral" en varios partidos previos. E da categoría de prata... á de bronce nun abrir e fechar de ollos, pois na súa primeira campaña en Segunda remataron penúltimos e sufriron un novo descenso, desta volta por (de)méritos deportivos.

Após un lustro deambulando sen rumbo fixo polo Campionato Nacional, e logo dunha longa e intensa loita nos despachos contra a Federación de Fútbol de Portugal, unha sentenza favorábel ao Boavista devolveuno en 2012 á máxima categoría, se ben esta decisión non se fixo efectiva até o curso 2014-15.

Mais a raíz desa situación un grupo de antigos empregados do clube presentou en 2011 unha demanda por impagamentos que derivou na incautación dos nove trofeos conseguidos ao longo da súa centenaria historia. Fontes da dirección actual citadas por varios medios portugueses afirman que a débeda xa foi saldada co obxectivo de recuperar os trofeos, que están desde a medianoite desta pasada terza feira ofrecidos nunha poxa pública na internet, un proceso dirixido polos Xulgados do Porto que pon como prezo de partida 7.250 euros e que rematará o vindeiro 5 de marzo.

Portal de poxa pública no que se ofrecen os trofeos do Boavista.
Portal de poxa pública no que se ofrecen os trofeos do Boavista.

Comentarios