Barcos galegos e portugueses rétanse na Regata Miño Internacional

O evento reunirá 27 embarcacións de 14 clubs.
A proba miñota disputa neste 2024 a súa edición número 43. (Foto: Concello de Tui).
photo_camera A proba miñota disputa neste 2024 a súa edición número 43. (Foto: Concello de Tui).

Un total de 27 embarcacións de 14 clubs galegos e portugueses das categorías 4x e 8+ participarán o 20 de xaneiro, na XLIII Regata Miño Internacional, un certame organizado polo Club Remo do Miño en colaboración co Concello de Tui, Xunta da Galiza, Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Remo (FGR).

Deste modo, ás 11 horas e desde Currás comezará un percorrido de seis quilómetros até a liña de meta, que estará situada fronte á rúa Olímpicos Tudenses, onde está situado o Centro Municipal de Remo. 

Na saída estarán, en concreto, deportistas que militan nas formacións galegas Remo do Miño, Remo Tui, Club Remo Vigo, Ría de Marín, Remo Chapela, Club Mar de Noia, Club Remo San Felipe e Cabo de Cruz, así como nas portuguesas Clube Fluvial Vilacondense, Viana Remadores do Lima, Sporting Clube Caminhense e ADCJC Remo Cerveira.

Con respecto á programación, a organización explicou que terá lugar en quendas de cinco embarcacións, comezando polas 4x, onde haberá nove masculinas e sete femininas. En 8+, pola súa parte, medirán forzas sete barcos na modalidade masculina e dous na feminina. E, como extra, tamén navegarán dúas naves 8+ de veteranos masculinos.

50 aniversario do Club Remo do Miño

A Casa do Concello tudense acolleu durante esta quinta feira a presentación da proba, que contou coa presenza do alcalde, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez; o director técnico da FGR, Juan Zunzunegui; o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González; e a tesoureira, Áurea Gil. 

Durante a súa intervención, Zunzunegui, que competirá no evento, lembrou que o organizador, Club Remo do Miño, celebra neste 2024 o seu 50 aniversario, dos cales estivo detrás durante 43 "dunha regata que é un referente estatal e internacional".

O seu presidente, Manuel González, destacou que a Regata Miño Internacional "debe ser a proba máis antiga destas características que se desenvolve na Península Ibérica", engadindo que a súa presente edición supón o punto de partida dos fastos que conmemorarán o medio século de historia do Club Remo do Miño.

Comentarios