Balaídos, entre os tres peores estadios da Primeira División segundo un estudo

O Ángel Carro de Lugo é o peor valorado de Segunda División.
Balaídos, o campo de fútbol do Celta de Vigo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: RCCelta)
photo_camera Balaídos, o campo de fútbol do Celta de Vigo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: RCCelta)

O estadio municipal de Balaídos é o terceiro estadio de Primeira División peor valorado, segundo un estudo da guía de apostas Kelbet, cunha nota de 3,85 sobre 5, baseada nas votacións de persoas usuarias en varias páxinas webs.

Segundo explicou Kelbet nunha nota de prensa, o estadio do Real Club de Celta de Vigo obtivo esta valoración despois de ponderar as críticas, tanto positivas como negativas, recibidas en páxinas como Google, Trip Advisor, Yelp e Foursquare.

En total, o estudo contou con máis de 600.000 valoracións dos estadios dos clubes que forman parte da Primeira e da Segunda División españolas.

A táboa reflicte que o Camp Nou (FC Barcelona) é o campo mellor valorado do Estado español, seguido por San Mamés (Athletic Club) e o Santiago Bernabéu (Real Madrid).

O estadio peor valorado de Primeira División, segundo este estudo, é o Coliseum Alfonso Pérez (Xetafe CF), seguido polo José Zorrilla (Real Valladolid CF) e por Balaídos (Real Club Celta de Vigo).

O Ángel Carro, o peor de Segunda

En canto á Segunda División, o Ángel Carro, no que cada 15 días xoga o Club Deportivo Lugo, sitúase na última posición desta categoría, ao apenas contar con valoracións na internet.

Na cabeza desta lista atópase A Rosaleda (Málaga CF), sendo o estadio de Segunda División mellor valorado polos internautas, seguido polo Molinón (Real Sporting de Gijón) e O Toralín (SD Ponferradina).

Ademais do Ángel Carro, os estadios de Segunda División con peor valoración son o Plantío (Burgos CF), a Romareda (Real Zaragoza)Anduva (CD Mirandés).

Comentarios