Balaídos volverá contar co seu público este domingo

As novas normas permitirán esta fin de semana a ampliación da ocupación dos campos até o 100% coincidindo coa volta da competición en Primeira División, coincidindo coa visita do Sevilla ao estadio vigués.
Balaidos antes da pandemia (Nós Diario).
photo_camera Balaidos antes da pandemia (Foto: Nós Diario).

Volve a competición en Primeira División e con ela tamén o fútbol ao estadio de Balaídos. O Celta medirase ao Sevilla este domingo (16.15 horas) coa posibilidade de contar co apoio da súa afección en Vigo ao recuperar a entrada do 100% de público por primeira vez desde que se iniciou a pandemia. Entre as novidades celestes está Brais Méndez que xa está recuperado da súa lesión.

O canteirán aseguraba en rolda de prensa que ten "ganas de poder axudar ao equipo". En relación ao partido contra os andaluces apuntou que "sabemos como xogan. Teñen un persoal extraordinario con xogadores en todas as posicións e cunha ou dúas opcións que poden render a un altísimo nivel". En todo caso pensa que o Celta debe pelexar por algo máis que manter a categoría. "O que pasou os últimos anos non pode ser un reflexo para nós, non podemos volver caer niso", concluíu. 

O Lugo buscará a vitoria en Burgos

En Segunda División o Lugo visitará ao Burgos tamén este domingo (18.15) coa idea de sacar os tres puntos do Plantío.

Rubén Albés explicaba onte en rolda de prensa que o encontro será "moi fechado, porque as defensas impoñeranse aos ataques" e avisaba de que o rival "encaixa moi pouco porque ten unha organización de alto nivel, ademais de xogadores de gran talento defensivo". Para o vigués, o seu equipo "non irá buscar outra cousa que non sexan os tres puntos". 

O Depor quere ser lider en solitario

Na Primeira División da RFEF a xornada comezará para os equipos galegos en Riazor co choque entre o Deportivo da Coruña e a UD Sanse este sábado (19 horas).

Os de Borja Jiménez poderán contar con Trilli que entrou na convocatoria e agardan sacar proveito de xogar en casa para afastarse do seu directo competidor con quen están igualados a puntos. 

Tamén o domingo xogará o Racing de Ferrol o seu partido co CD Tudelano (12 horas) nun encontro que podería ser accesíbel para os de Parralo por ser a formación de Burgos pechacancelas da categoría con só un punto sumado nas sete primeiras xornadas.

O Celta B, polo seu lado, visitará o estadio do Raio Maxadahonda, segundo na clasificación, este domingo (12 horas).

Comentarios