A afección do Lugo rebélase ante as novas prohibicións no Ángel Carro

O fútbol, como unha céntrica rúa dun núcleo urbán, continúa lenta pero implacablemente o seu proceso de xentrificación -máis evidente en campos como o do Madrid e o Barcelona- con novas prohibicións que afastan o seu público tradicional. Da última poden dar boa fe as seareiras do Lugo, en pé de guerra a causa da actuación policial.
Bombos, megáfonos... animar como se viña facendo até o de agora xa non é viábel no Ángel Carro. (Foto: La Liga).
photo_camera Bombos, megáfonos... animar como se viña facendo até o de agora xa non é viábel no Ángel Carro. (Foto: La Liga)

O estadio Ángel Carro de Lugo tivo no partido da pasada segunda feira un aspecto moito máis sombrío do habitual, pois un importante número de peñas e agrupacións que conforman a masa social da escuadra albivermella decidiron non animar ante a "criminalización" que están a padecer como seareiras.

A razón detrás deste acto de protesta é a prohibición do uso de megáfonos, bombos e outros aparellos similares no interior do coliseo lucense por non contar cunha "bancada de animación", lugar no que está restrinxido o seu uso nos estadios de fútbol segundo o artigo 3.2.f da Lei 19/2007 e o Real Decreto 203/2010 e que a directiva do Club Deportivo Lugo non habilitará por resultar "inviábel a nivel económico".

En declaracións a Nós Diario, a Federación de Peñas do Lugo explica que a responsabilidade desta situación recae, principalmente, "na Policía Nacional", por realizar unha "nova interpretación e con falta de transparencia" da Lei do Deporte e estipular "as mesmas normas" para Primeira e Segunda División". "Non ten moito xeito que o Camp Nou e o Bernabéu teñan as mesmas esixencias que o Anxo Carro", din.

Desde a Federación consideran que existe un "agravio comparativo" con outros estadios nos que a Policía Nacional -coa que xa falaron, e que afirma que "as normas son claras para todos"- si permite a introdución dos bombos ou os megáfonos.

Con todo, tamén consideran que o club ten a súa parte de responsabilidade pola "falta de previsión" por non crear unha bancada de animación "que estaba prometida xa en 2018 e que non se executou". 

Por iso, defenden que "terá que haber algún tipo de exención cos clubs que non teñan bancada de animación e que non acumulen sancións nos últimos anos". 

Apostilan que os seareiros e seareiras levan esta situación "con resignación", e que esta é "unha pinga máis que está a piques de desbordar un vaso no que non queda moita paciencia", polo que anuncian futuras accións de protesta e conversas con outras afeccións sobre este tema.  

Comentarios