A rivalidade entre Balaídos e Riazor prexudican a Galiza como sede do Mundial

A Xunta non impulsa unha candidatura única entre Vigo e A Coruña. En 2010 os concellos de Vigo e A Coruña contaban cunha proposta conxunta que pasou o primeiro corte para acceder a ser sedes do Mundial.
Balaídos, o campo de fútbol do Celta de Vigo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: RCCelta)
photo_camera Balaídos, o campo de fútbol do Celta de Vigo, nunha imaxe de arquivo (Foto: RCCelta).

“Creo que é un erro a actual estratexia de dividir as sedes de Vigo e A Coruña para aspirar a acoller partidos do Mundial en 2030”. Así de contundente amósase o que fora concelleiro de Deportes de Vigo en 2010, Xabier Alonso, en relación á estratexia actual que segue a Xunta da Galiza para que algúns partidos dese campionato, se a candidatura conxunta Portugal-Estado español é a escollida ao final, pasen por Balaídos e Riazor.

Fala con Nós Diario da experiencia que tivo ao preparar un proxecto que “non competía coa Coruña, senón que ía da man”. 

Na cidade herculina daquela era edil de Deportes Xoán Martínez Caxigal que aínda lembra como “eramos as cidades as que negociabamos coa Federación Española de Fútbol, mesmo transmitindo as melloras que tiñamos que realizar nos estadios”. A intervención directa da Xunta, neste caso a través da Vicepresidencia, a cargo do coruñés Diego Calvo, e da que depende Deportes, semella seguir outros camiños.

Pasaron os anos mais ambos os edís -do BNG- tiñan clara a estratexia. “Non era a primeira vez que ambas as cidades acollían un Mundial, xa acontecera en 1982 e funcionou distribuíndo os partidos entre ambas as sedes”, sinala Alonso, que apunta que “a proposta pasou o primeiro corte e ben podería ser definitiva se o Mundial de 2018 fora para a península”.

En conversa con Nós Diario, Caxigal conta que “foron as cidades as que se tiveron que comprometer coas autoridades deportivas españolas e da FIFA, e conseguimos entrar nesa primeira fase de selección de estadios”. 

Remodelación de Balaídos e Riazor

Para “convencer” que os estadios de Balaídos e Riazor podían ser sedes doutro mundial de fútbol non chegaba coa memoria de 1982 e tiñan que presentar proxectos de remodelación actualizados e aprobados por ambos os Gobernos municipais. 

No caso de Riazor a proposta contaba cun orzamento de 170 millóns de euros que se empregarían non só no campo de fútbol senón en remodelar toda a súa contorna. “Queriamos mellorar a participación que tiveramos en 1982 cando en realidade eramos unhas subsedes nas que participaron seleccións de menor peso”. A proximidade con Portugal, segundo Caxigal, non xogaba a favor e tampouco os procesos de ampliación de estadios como o de San Mamés en Bilbo

Na sede viguesa contaban cun ambicioso proxecto de remodelación que consistía na construción dun novo estadio con capacidade para 40.000 espectadoras e espectadores que se levantaría nos terreos do actual campo.

O plan contemplaba a remodelación da pista de atletismo e a recuperación do paseo do río Lagares. “Era moito máis económico que o actual e, ademais, recuperaba o río e non os remendos como os que están a facer agora”, critica Alonso.

Explica que entre as súas singularidades estaban "unha gradas que se podían gardar en caso de non precisar máis ocupación no campo e que mereceron recoñecementos internacionais de arquitectura".

Para o ex responsábel de Deportes de Vigo, a situación actual non é moi optimista e cre que "a Xunta non está traballando ben" polo que ve lonxe de Balaídos outra oportunidade semellante. 

Comentarios