luns 13.07.2020

Artes marciais para loitar pola inclusión

O I Encontro de Parakenpo na Galiza, que se desenvolverá á par co XII Campionato Galego de Kenpo, está organizado polo Club Kempo Barbanza e a Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, e para Iván Parada é un "síntoma do progreso" dun deporte que fomenta a inclusión das persoas con diversidade funcional.
Imaxe dun adestramento público do Club Kempo Barbanza en Ribeira.  (Foto: Kenpo Galicia / Asociación Amicos).
Imaxe dun adestramento público do Club Kempo Barbanza en Ribeira. (Foto: Kenpo Galicia / Asociación Amicos).

"Vou cara a ti só co karate, coas mans vacías, non teño outras armas". Así comeza o credo do kenpo, unha arte marcial que ano a ano aumenta a súa popularidade na Galiza pola positiva incidencia que a súa práctica ten en eidos como forza, velocidade, equilibrio, coordinación e resistencia.

Eses beneficios non escaparon aos ollos da Asociación Amicos, que desde 2000 traballa en prol da atención e integración das persoas con diversidade funcional, e que hai catro anos iniciou unha colaboración co Club Kempo Barbanza que se estende até o día de hoxe.

Nesas sinerxias atópase o xermolo do I Encontro de Parakenpo na Galiza, un evento pioneiro que terá lugar no Pavillón Municipal de Rianxo o vindeiro domingo, 16 de febreiro, desde ás 9.30 horas. 

Iván Parada, encargado do Club Kempo Barbanza, director de Competición da Federación Galega de Karate e  responsábel de parakenpo na Federación Española de Karate explica para Nós Diario que o I Encontro Galego de Parakenpo estará estruturado en dúas partes ben diferenciadas.

"Unha consistirá nunha exhibición levada a cabo polo grupo de 18 rapaces e rapazas de diferentes idades e con distintas diversidades funcionais cos que traballamos a diario aspectos técnicos na clase, e logo cinco deles van competir por ser o primeiro campión galego de parakenpo", apunta.

Nomes que fan historia

Rosa, Alejandro, Saray, Miguel ou Macarena. Nun deses nomes está o do primeiro campión -ou campioa-, aínda que desde a organización prefiren minorizar a importancia do aspecto competitivo da mesma.

"Optamos pola denominación 'encontro', e non 'campionato' porque queremos facer máis énfase na inclusión, que é do que vai esta actividade", resalta Mario Hermo, director do Departamento de Kenpo da Federación Galega de Karate e persoa á fronte do Club Kenpo Vilagarcía.

Ademais, os cinco xa forman parte da historia, xa que integrarán a primeira selección galega de parakenpo, que defenderá as cores do país no Campionato de España que se desenvolverá en Guadalajara entre os días 14 e 15 do vindeiro mes de marzo.

 Para Mario Hermo os beneficios da práctica deste deporte están fóra de toda dúbida: "O principio das artes marciais é ensinar ás persoas a que se superen, e o parakenpo fomenta que a xente se supere, dentro das súas diferentes diversidades".

"Aquí na Galiza todos estamos moi comprometidos co parakenpo, e queremos darlle difusión porque resulta moi bo para a confianza e a psicomotricidade das persoas con diversidade funcional. Miguel Pérez, do Kenpo Pobra; José Cardalda e Abel Rei, do Kenpo Ribeira; o propio Mario en Vilagarcía, eu mesmo... todos estamos vogando nesta liña", di Iván Parada.

Finalmente, o dirixente federativo fai un chamamento para que acuda "o maior número de xente posíbel" a Rianxo o domingo para "darlles o seu apoio a un grupo de persoas que se esforza día a día por superarse".

comentarios