NA PRIMEIRA VOLTA, NEO-NAZIS DO FA ASASINARON O SEAREIRO CORUñéS JIMMY

Antiviolencia rectifica e declara de alto risco o Dépor-Atlético

Nun primeiro momento a comisión non declarara o encontro que se xoga en Riazor de alto risco, cualificación que variou horas despois após o balbordo e polémica nas redes sociais.

pantallazo youtube
photo_camera Imaxe dos incidentes perto do Calderón

O partido de volta entre o Deportivo e o Atlético, que se xogará este sábado no estadio de Riazor a partir das 18 horas, estaba riscado en vermello desde que se produciron os gravísimos incidentes que se saldaron co brutal asasinato de Jimmy (o searerio coruñés foi golpeado con barras de ferro na cabeza e logo guindado ao río Manzanares). Nun primeiro momento, Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte acordou non declarar de alto risco este encontro, caracterización que, en troca, si outorgaron ao Granada-Sevilla desta mesma xornada do campionato estatal de liga ou tamén aos encontros da champions league que a vindeira semana disputarán Real Madrid e Atlético (a cuarta feira) por unha banda e o Barcelona e o Paris Saint Germain (a terza feira), pola outra.

Mais unhas horas despois a comisión decidiu si declarar o partido entre galegos e madrileños como de alto risco, unha rectificación derivada, afirman fontes cercanas á comisión, polo forte impacto da primeira decisión nas redes sociais.

A categorización dun partido como alto risco implica, para alén da mobilización de máis efectivos policiais, a separación das afeizóns rivais nas bancadas e no reforzamento do control de acceso ao estadio e do sistema de venda de entradas.

As pesquisas policiais realizadas após o asasinato de Jimmy permitiron estabelecer que o 30 de novembro de 2014 non se produciu unha quedada entre o Frente Atlético e os Riazor Blues -como insistía a primeira versión dos feitos fornecida polas forzas de seguridade do Estado- e si unha emboscada dos neo-nazis madrileños aos seareiros coruñeses, como estes afirmaron xa en primeira instancia.

En decembro pasado, catro membros do Frente Atlético foron detidos con cargos relacionados co asasinato de Jimmy.

Comentarios