Fútbol | 1ª RFEF

Este é o novo reforzo infernal do Rácing de Ferrol: Álex Martín

Trátase dun central chega á Galiza cedido polo Elxe.
Martín formouse nas Palmas. (Foto: Elxe CF).
photo_camera Martín formouse nas Palmas. (Foto: Elxe CF).

Valerón xogará no Rácing de Ferrol. José Alejandro Martín Valerón, nome completo do defensa central coñecido futbolisticamente  como Álex Martín, defenderá até finais da presente tempada as cores do Rácing.

O canario chega á Galiza en calidade de cedido desde outro conxunto da Segunda División, o Elxe, onde o compacto defensa de 1,82 metros de altura e aproximadamente 78 quilos de peso nunca chegou a contar coa confianza do seu xa ex adestrador, Sebastián Beccacece, que só lle deu a posibilidade de participar en 317 minutos, repartidos en cinco partidos, o último o afastado 4 de outubro, cando os ilicitanos caeron derrotados  por dous a cero ante o Sporting.

No Rácing -que non conta con ningún acordo que facilite o seu traspaso logo da fin do préstamo, ou que impida que xogue ante a escuadra propietaria dos seus dereitos federativos, a coñecida como cláusula do medo- confían en que Martín recupere a versión que exhibiu a pasada tempada no Mirandés, sendo titular en 37 dos 42 partidos de Liga e contribuíndo decisivamente á salvación do conxunto castelán.

As complexas circunstancias do Rácing na parcela defensiva, pois conta coas baixas de David Castro -sancionado- e Clemente -lesionado-, ábrenlle incluso as portas da titularidade a Álex Martín, que esta terza feira completou o seu primeiro adestramento ás ordes de Cristóbal Parralo. 

Formado nas categorías inferiores das Palmas, o Betis e o Real Madrid, a pesar da súa xuventude (25 anos) a flamante fichaxe dos Diaños Verdes é todo un trotamundos do fútbol estatal, pois desde a Casa Branca pasou ao Cartaxena -co que ascendeu á Segunda División en 2020- e o Cádiz, con quen chegou a debutar na Primeira División en 2021. Meses despois iniciou unha aventura no filial do Celta circunscrita á tempada 2021/22.

Comentarios