A xornada futbolística pon a proba as crises do Celta e o Deportivo

Previa dos partidos de todos os equipos galegos de Primeira, Segunda e Primeira Federación.
Afección do Celta en Balaídos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O apoio da afección promete ser determinante de cara a un triunfo ante o Atlético. (Foto: Nós Diario)

Finalizado -polo de agora- o tempo das seleccións nacionais, o fútbol por equipos da máxima categoría regresa hoxe á normalidade, o que significa que o Celta de Rafa Benítez ten ante si unha oportunidade para sumar tres puntos que o saque dos postos de descenso.

Mais non será unha misión doada. Aínda co apoio da afección, pois o choque dispútase en Balaídos ás 21 horas, diante terá o Atlético de Madrid, o terceiro grande da Liga e auténtica besta negra celeste na competición da regularidade, pois é o conxunto co que máis partidos perdeu (60%) en toda a súa historia. Tanto é así que desde o seu regreso á Primeira División, no ano 2012, o Celta só foi quen de imporse en dúas ocasións, senllos 2-0 en 2015 e 2018.

De cara a este transcendental encontro Rafa Benítez non poderá contar co mancado central Joseph Aidoo, vítima do temido 'Virus FIFA', pois rompeu o talón de Aquiles coa súa selección, Ghana, e non volverá xogar no que resta de campaña. A maiores, o preparador madrileño tampouco terá ao seu dispor outro internacional caído en combate,  Mihailo Ristić, nin a Carles Pérez, este a causa dun problema nos adutores.

Benítez laiouse da "desgraza" que supoñen esas baixas, especialmente no caso de Aidoo, tanto pola duración da mesma como polo prexuízo causado de cara a optar por unha táctica de tres centrais, posición que queda agora en cadro. "O que toca é sacar rendemento ao que temos, e tocar madeira para que non se manque ninguén máis até xaneiro", engadiu, apostilando sobre o partido de hoxe que tanto el como os seus futbolistas sempre saen "a competir con calquera".

Con respecto ao posíbel once, tendo en conta os contratempos de última hora e a forma de pensar de Simeone, Benítez podería recuperar o 4-4-2 e formar con Iván Villar en portería; Mingueza, Starfelt, Unai e Manu en defensa; Fran Beltrán, Sotelo, Luca De la Torre e Bamba no centro do campo; con Aspas e Larsen compartindo a punta do ataque.

O Eldense visita Ferrol

Na Segunda División o Rácing de Ferrol, tras caer co Levante, volve xogar cun equipo da 'súa' Liga, o tamén recentemente ascendido Club Deportivo Eldense.

A igualdade promete ser a tónica dominante dun choque inédito -nunca antes coincidiran na mesma categoría- que se desenvolverá na Malata ás, para consternación da afección ferrolá, 14 horas do domingo.

Para Josep Señé, centrocampista dos Diaños Verdes, é momento de "pasar páxina" e esquecer a derrota da pasada xornada, mais tendo sempre en conta eses "erros" que se cometeron para corrixilos fronte un Eldense que chega após conquistar catro puntos dos últimos seis posíbeis. 

Idiakez... KO?

A paciencia que está tendo a directiva do Real Club Deportivo con Imanol Idiakez non deixa de sorprender, pois a pesar dos innegábeis prexuízos arbitrais o vasco ten o conxunto branquiazul próximo ao descenso cando transcorreu máis de 20% do total da tempada na Primeira RFEF.

Por iso, un triunfo sobre o Sabadell (Nova Creu Alta, mañá, 19 horas) é o único salvavidas posíbel para un adestrador que podería estar vivindo as súas últimas horas no banco coruñés.

O outro galego que se exhibirá hoxe (Reino de León, 20 horas) é o Arenteiro, que desafiará a histórica Cultural. Tamén fóra da casa actuará o Club Deportivo Lugo, quen saltará ao céspede do Estadio Cerro del Espino (mañá, 17 horas) co obxectivo de gañarlle ao Raio Maxadahonda e lograr así tres vitorias consecutivas por vez primeira en tres anos.

O filial celeste, pola súa parte, xa puxo rumbo a Pamplona, onde o sorprendente Osasuna B, sexto cun punto menos que os rapaces do Celta, suporá un gran reto desde as 12 de mañá. 

Comentarios