Iago Aspas e a síndrome de Pahíño

O de Moaña engrosa a longa lista de aldraxes de España a astros galegos, como Fran, Acuña ou Pahíño.
Pahíño e Aspas teñen moitas cousas en común (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pahíño e Aspas teñen moitas cousas en común (Foto: Nós Diario).

A exclusión na convocatoria da Eurocopa dun dos mellores dianteiros da actualidade no conxunto do continente europeo representa un novo episodio no extenso serial de desplantes da selección española de fútbol contra os xogadores galegos.

Hai apenas un mes, Iago Aspas laiábase nunha entrevista a Radio Marca de "non ter a continuidade coa selección que me gustaría, dados os méritos que fixen". Eses logros, indiscutíbeis, sitúano á altura de figuras como Messi, Ronaldo, Kane, Lewandowski, Salah e Suárez, os únicos homes xunto co galego que anotaron 14 ou máis goles nas seis últimas tempadas. Nesta 2020/21, ademais de ser o segundo máximo goleador con pasaporte español tamén foi o máximo asistente do campionato.  

A súa situación retrotrae ao acontecido nos anos 90 e os primeiros 2000 cun dos mellores xogadores do seu tempo e a última grande estrela xurdida da canteira galega até a irrupción do propio Aspas, o deportivista Fran. Con apenas 16 partidos internacionais disputados no seu historial entre 1993 e o ano 2000 -dous menos que o de Moaña-, o talentoso volante branquiazul viuse sistematicamente marxinado das convocatorias de Javier Clemente e, en menor medida, das de José Antonio Camacho, até o punto de que anos despois da súa retirada recoñecería ter a sensación de merecer "ido moito máis".

Problemas no franquismo

Pahíño e Acuña teñen moitas cousas en común. Ambos son dous dos mellores xogadores galegos de todos os tempos, naceron con apenas 23 días de diferenza no ano 1923 e chegaron a coincidir, sendo xa veteranos, no Deportivo na tempada 1953/54. Ademais, a pesar de ser o mellor porteiro e un dos mellores dianteiros da década dos 40, ningún tivo un amplo percorrido internacional, disputando tan só un e tres partidos coa selección española, respectivamente.

No caso concreto de Acuña, parecía que o seu momento chegaría no Mundial de Brasil '50, mais en pleno aeroporto escoitou o seleccionador berrar "as maletas que as cargue o galego!", ao que respondeu cun "as maletas que as cargue a túa p*** nai!", o que o sentenciou a ollos de Eizaguirre.

Excluído por rir na cara do fascismo: o castigado xesto de rebeldía de Pahíño 

Manuel Fernández 'Pahíño' medrou como futbolista nos tempos da posguerra, unha época na que o fútbol, como o resto da vida pública, estaba totalmente intoxicado polos tentáculos do réxime.

Esa é a razón detrás da cal un home que durante anos foi a maior estrela de todo un Real Madrid, e que anotou máis de 200 goles ao longo dunha carreira que se estendeu 15 tempadas, tan só foi internacional en tres ocasións.

En 1948, Pahíño, que xa tiña certa "mala fama" por evitar pronunciarse politicamente e por ler en público libros de autores rusos como Tolstoi e Dostoyewski ou do americano Hemingway, sacrificou a súa carreira na selección cando non puido evitar debuxar no seu rostro un retranqueiro sorriso ante a arenga na que un xeneral coruñés e veterano da guerra civil española e da División Azul, Mariano Gómez-Zamalloa, esixía dos futbolistas "collóns e españolía" antes dun partido ante Suíza en 1948. Esta é a razón pola que a Federación lle fixo a cruz a un home que, como el mesmo dicía, "gozaba do peor dos amores, o amor propio".

Comentarios