O Albacete de De la Barrera, último obstáculo para o ascenso do Dépor

A cidade da Coruña parará durante dúas horas co gallo da gran final do play-off de ascenso á categoría de prata, que enfrontará o conxunto branquiazul co Albacete Balompié que, cruel casualidade, está dirixido por un coruñés que foi o técnico do Deportivo a pasada tempada, Rubén De la Barrera.
A afección deportivista volverá protagonizar un recibimento multitudinario aos xogadores no momento da súa chegada ao terreo de xogo. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A afección deportivista volverá protagonizar un recibimento multitudinario aos xogadores no momento da súa chegada ao terreo de xogo. (Foto: RC Deportivo)

O Deportivo da Coruña non é un club de terceira división. Historicamente, e desde a constitución das principais competicións a nivel estatal, en toda a súa máis que centenaria traxectoria só militou na categoría de bronce durante catro campañas, dúas delas de modo consecutivo nos dous últimos exercicios.

Co obxectivo de acabar dunha vez por todas con esa anomalía, o Dépor enfróntase este sábado (18 horas) a outro conxunto máis ligado -polo menos durante os últimos 30 anos- á Primeira ou Segunda División que á outrora coñecida como Segunda B e actualmente Primeira RFEF, o Albacete Balompié

A cidade, que respira en branco e azul desde o inicio da fase do ascenso, como demostran as incontábeis bandeiras que ondean desde as fiestras, deixou a un lado as súas diferenzas para abrazar un fenómeno socialmente transversal como é o deportivismo e que se estende sen distinción polos barrios obreiros e as rúas máis burguesas.

Porén, por iso da superstición característica dunha terra onde levan décadas arroxando cabezas de allos aos córners para espantar o meigallo, non todo o mundo ve con bos ollos que o club articulase a campaña de mobilización do deportivismo co lema "on fire co Dépor", que ven perigosamente semellante coa levada a cabo co gallo da última gran batalla do equipo, o play-off de ascenso a Segunda no 2018, que coincidiu coa Noite de San Xoán e que, con todo a favor, perdeu o Deportivo, comezando unha caída en barrena que se estende até o día de hoxe. 

Mais, sen facer de menos o poder escuro das meigas, a principal ameaza para a entidade branquiazul leva, ironicamente, ADN coruñés. Trátase de Rubén De la Barrera, o técnico que o ano pasado non foi quen de conseguir o  ascenso na 2020/21 e que marchou con polémica en medio de acusación por parte da directiva de "perda de ilusión e compromiso".

No seu novo destino, Albacete, atopou a tranquilidade que non tivo nun Dépor en permanente estado de crise desde hai un lustro, desenvolvendo un traballo efectivo e silencioso que o levou a finalizar o Grupo 2 da Primeira RFEF en terceira posición, empatado a puntos co segundo, o Vilarreal B. Xa no play-off, apenas 350 espectadores asistiron ao vivo en Balaídos ao triunfo dos seus homes ante o Raio Maxadahonda, nun choque que non caeu do lado manchego até que Rubén Martínez -ex canteirán do Celta e un dos seus homes de ataque máis perigosos, autor de 11 tantos na fase regular- perforou a meta defendida por Nereo Champagne no minuto 82.

O feito de ser coruñés tampouco foi óbice para que De la Barrera se unise á vaga de críticas chegadas desde Albacete ao sistema de sedes escollido pola Real Federación Española de Fútbol, pois considera que o feito de xogar en Riazor fai que a final vaia ser "rara". "Sabemos o que supón xogar en Riazor, pero iso non nos vai condicionar, aínda que é un compoñente que supón unha clara desvantaxe para nós", dixo.

Outro aspecto en contra que terá que superar o Queixo Mecánico se quere apear o Deportivo do seu soño de regresar ao fútbol profesional é que un final en empate sería suficiente para que o equipo galego conseguise o ascenso, pois a RFEF penaliza a quen finalizou en peor posición na fase regular. 

Esta circunstancia favorece a visión conservadora do fútbol do adestrador branquiazul, Borja Jiménez, que poderá contar con todos os seus futbolistas no transcendental duelo logo do regreso de Juergen Elitm aos adestramentos. O colombiano, unha das pezas chave nos esquemas do preparador deportivista, estivo apartado da dinámica do grupo os últimos días por unha grastroenterite, a pesar da cal todo apunta a que será titular xunto con Mackay, Antoñito, Lapeña, Jaime, Héctor, Bergantiños, Villares, Quiles, William e Miku.

Comentarios