Fútbol

A PREVIA | A salvación celeste pasa por Heliópolis

Un triunfo na casa do Betis, unido a un tropezo do Cádiz ante o Barça, deixaría a permanencia do Celta a tiro de pedra.
'A mirada do Tigre'. Iago Aspas é o xogador de Primeira División que máis goles lle marcou aos verdibrancos, nove en 16 partidos. (Foto: LFP).
photo_camera 'A mirada do Tigre'. Iago Aspas é o xogador de Primeira División que máis goles lle marcou aos verdibrancos, nove en 16 partidos. (Foto: LFP).

O Betis-Celta, terceiro partido con Claudio Giráldez no banco da escuadra viguesa, disputarase ás 21 horas desta sexta feira no Estadio Benito Villamarín. Este choque, correspondente á xornada 31 da competición da regularidade, chega nun momento doce para un conxunto celeste que aínda non sabe o que é a derrota co seu novo adestrador, debutando con vitoria a domicilio sobre o Sevilla (1-2) e continuando cun empate sen goles (0-0) fronte o Raio Vallecano en Balaídos.

O obxectivo non é outro que repetir o conto do pasado 17 de marzo, cando volveu da capital andaluza cos puntos, aínda que esta vez cambiando o escenario do barrio de Nervión polo de Heliópolis, onde xoga como local o Real Betis Balompié.

Historicamente, o antigo Ruíz de Lopera -denominación coa que foi coñecido o coliseo verdibranco entre 2000 e 2010, en homenaxe ao home que tivo a última palabra no rival do Celta de 1992 a 2010 e que faleceu o pasado mes de marzo- é un recinto favorábel aos intereses olívicos, pois lograron volver a casa con sete empates e oito triunfos nas 32 ocasións nas que saltaron ao seu céspede na máxima categoría, marcando 39 goles e recibindo 47.  

Outro dato que convida ao optimismo é a fonda crise de xogo e resultados na que está inmerso o Betis, pois acumula catro derrotas seguidas -ante Atlético de Madrid, Vilarreal, Raio Vallecano e Girona-, aínda que só unha delas como local, a do Submarino Amarelo (2-3).

Consciente desta situación, e de que, do mesmo modo que o Celta necesita gañar para aproximarse á salvación, eles precisan dos puntos para non perder o tren de Europa, o seu técnico, Manuel Pellegrini, introducirá numerosos cambios nos seus esquemas. O chileno pretende tanto reforzar o ataque, co regreso do goleador Bakambú da súa lesión, como a defensa,  para frear a sangría de goles que veñen padecendo estas últimas datas.

Porén, para dar ese paso decisivo para a permanencia non abondará con superar os andaluces, senón que dependerá do que aconteza no Cádiz-Barcelona do sábado (21 horas). Se os principais rivais celestes perden cos blaugranas, un ano máis na Primeira estará practicamente garantido.

Giráldez: "Ogallá fósemos sétimos"

Inmediatamente despois da finalización do derradeiro adestramento previo ao Celta-Betis, o preparador celeste, Claudio Giráldez, protagonizou unha rolda de prensa onde compartiu as súas impresións sobre a actualidade do equipo.

Cuestionado sobre o mal momento do seu rival, o antigo técnico do Fortuna respondeu destacando a privilexiada situación clasificatoria verdibranca a pesar de sumar catro derrotas consecutivas: "Gustaríame ser sétimos".

Xa sobre o céspede, e como é habitual no fútbol moderno, non quixo 'spoilear' o once inicial co que sairá de inicio ao Benito Villamarín. Non obstante, e tendo en conta, como salientou el mesmo, que Claudio Giráldez sempre "cambia dependendo do rival", unha opción podería ser a formada por Guaita na portería; Mingueza, Núñez e Domínguez como trío de centrais -dos que gabou a adaptación á súa visión da posición-; Manquillo e Hugo Álvarez ocupando os carrís, cubrindo Fran Beltrán e Hugo Sotelo o interior do medio; e fechando o once Bamba, Aspas e Larsen no ataque.

Máis en DEPORTES
Comentarios