obituario

Falece aos 79 anos o ex presidente do Betis Manuel Ruiz de Lopera

"É indubidábel, en calquera caso, que a súa peculiar forma de dirixir a institución e a súa irresistíbel figura mediática convertérono no gran protagonista dunha época do Real Betis e nun nome que xa permanecerá para sempre na memoria colectiva dos afeccionados", salientan desde o club.
O empresario e ex dirixente bético Manuel Ruiz de Lopera. (Foto: Europa Press)
photo_camera O empresario e ex dirixente bético Manuel Ruiz de Lopera. (Foto: Europa Press)

O que fora presidente do Real Betis Balompé entre 1996 e 2006 —e máximo accionista e presidente entre 1992 e 2010—, Manuel Ruiz de Lopera, faleceu durante a madrugada deste sábado ao domingo no seu domicilio por mor dunha diverticulite, segundo confirma a propia familia do ex directivo verdibranco. "Pésame do Real Betis polo falecemento de Manuel Ruiz de Lopera, máximo accionista e Presidente do clube durante o período 1992-2010. DEP", publicou a conta oficial do equipo na madrugada.

O pasado 5 de xaneiro, Lopera foi ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) da Clínica HLA Santa Isabel, afectado de diverticulite. A pesar da súa posterior recuperación, dous meses e medio despois finalmente Lopera morreu na súa vivenda en Sevilla. Tanto o club como o presidente da Xunta de Andalucía, Juanma Moreno, e o alcalde de Sevilla, José Luis Sanz, expresaron as súas condolencias na rede social X.

O presidente andaluz mandou unha aperta "ao beticismo e á familia de Manuel Ruiz de Lopera", quen "marcou unha época na historia do Real Betis". "A súa paixón polo equipo e o seu sinal e personalidade quedan na memoria da afección", precisou. "O meu máis sentido pésame aos familiares e amigos de Manuel Ruiz de Lopera, presidente do Real Betis durante 18 anos", engadiu o alcalde de Sevilla.

Pola súa parte, o club sinalou que é "indubidábel, en calquera caso, que a súa peculiar forma de dirixir a institución e a súa irresistíbel figura mediática convertérono no gran protagonista dunha época do Real Betis e nun nome que xa permanecerá para sempre na memoria colectiva dos afeccionados".

Desde o Betis salientaron que o seu ex presidente, nado en Sevilla o 13 de agosto de 1944, "herdou o sentimento bético do seu pai e desde neno converteuse nun fiel seguidor do equipo verdibranco". Industrial en diversos negocios, o Betis destacou que "se distinguiu por recompensar aos xogadores do club con distintos agasallos se alcanzaban bos resultados deportivos".

En 1991 ingresou na Xunta Directiva do Real Betis que presidía Hugo Galera e en decembro dese ano foi nomeado vicepresidente da mesma, participando "moi activamente" no proceso de conversión da entidade en Sociedade Anónima Deportiva. Unha vez culminada dita conversión, o 30 de xuño de 1992 converteuse no máximo accionista da sociedade, comezando unha longa etapa, na que, "sen ningunha dúbida, erixiuse no responsable absoluto e único da vida do club".

En 2010 vendeu o seu paquete maioritario de accións á sociedade Bitton Sport, representada por Luís Oliver, paralizando dita venda, segundo lembrou a entidade, a xuíza Mercedes Alaya, que instruía a querela por delito societario presentada por diversas asociacións opositoras a Ruiz de Lopera, que procedeu a trasladar os dereitos políticos das accións a unha administración xudicial. Dese modo, o club entrou nunha fase de xudicialización que non concluíu até 2017, cando se procedeu á sinatura dos acordos, nos que tamén participou Manuel Ruiz de Lopera, que permitiron que o paquete maioritario de accións puidese estar ao alcance de todos os béticos.

Durante a súa longa singradura á fronte do Real Betis, Manuel Ruiz de Lopera obtivo "éxitos deportivos moi importantes", lembra o clube, tales como a consecución da Copa do Rei en 2005 e, ese mesmo ano, a clasificación do equipo verdibranco para a Champions League. Así mesmo, baixo o seu mandato, o club disputou unha vez a Recopa de Europa (1997-98) e até en catro ocasións a Copa da UEFA (1995-1996; 1998-99; 2002-2003 e 2005-2006).

Lopera, personaxe "controvertido e singular", como detallaron os verdibrancos, "gozou dunha enorme popularidade desde a súa chegada ao cargo" e até a metade da primeira década do século XXI foi "moi valorado" pola afección, aínda que os seus últimos anos á fronte da entidade estiveron marcados por unha "crecente oposición" da maioría dos béticos que mesmo "provocou multitudinarias protestas que foron minando a súa credibilidade a medida que se ían coñecendo as resolucións xudiciais que poñían en dúbida as súas actuacións á fronte do club".

Comentarios