Fútbol | 1ª División

A CRÓNICA | Swedberg outórgalle un agónico triunfo ao Celta sobre o Betis no primeiro partido do ano

Os árbitros volveron prexudicar os celestes anulándolles un gol legal no minuto 88.
O olívico Fran Beltrán destacou no centro do campo ante un Isco que recordou ao de épocas pasadas. (Foto: RB Balompié).
photo_camera O olívico Fran Beltrán destacou no centro do campo ante un Isco que recordou ao de épocas pasadas. (Foto: RB Balompié).

Nin os árbitros poden co Celta en 2024. Esa é a principal conclusión que se pode sacar do triunfo vigués (2-1) sobre o Betis na noite desta cuarta feira. 

E iso que os andaluces só tardaron cinco minutos e oito segundos en perforar a portería celeste no primeiro partido de 2024, botando un xerro de auga fría sobre as ducias de milleiros de seareiros e seareiras do conxunto olívico que confiaban niso de 'ano novo, vida nova'. 

O tanto verdibranco chegou logo dunha boa combinación entre un Isco maxistral, que de novo deixou detalles da clase que o levou hai xa unha década a ser considerado como un dos xogadores máis prometedores de Europa, e Aitor Ruibal, que puxo o balón na esquina dereita da meta de Guaita.

Pero quizais si ten algo de certo o de 'ano novo, vida nova', pois lonxe de afundirse, como sería o habitual no 2023, o Celta levantouse e, primeiro desde a banda dereita a través de Carles Pérez, logo cun posíbel penalti que non asubiou Ortiz Arias e, finalmente, cunha pena máxima que o colexiado madrileño si que asubiou, logrou o empate no minuto 13. 

O penalti, cometido por un compostelán, Borja Iglesias, tras golpear no nocello ao xigante Strand Larsen, que caeu como unha árbore na área heliopolitana, materializouno maxistralmente coa súa zurda de ouro un Aspas que anotaba así o seu segundo tanto en nove meses.

Desde entón e até o tempo de descanso foi un toma e daca no que os locais levaron a iniciativa en moitos momentos, sen perderlle nunca a cara a un partido que chegou ao intermedio con empate a un. 

 O que non cambia é a persecución arbitral que o Celta padece esta tempada, pois no minuto 88 o VAR volveu anular incorrectamente un gol legal por falta en ataque inexistente de Aspas após parar o xogo durante máis de cinco minutos, para consternación de todo o público congregado en Balaídos. 

E a consecuencia desa inxustiza, traducida en 10 minutos de tempo engadido, un heroe inesperado, o sueco Williot Swedberg, aproveitou que a defensa bética estaba mal colocada para definir por pura velocidade, deixando atrás mesmo o porteiro contrario, e confirmar de paso que en 2024 as cousas poden -e deben- ser moi diferentes en Vigo.

O Arenteiro cae coa Ponferradina no Toralín 

Case de forma paralela ao Celta-Betis disputouse o Ponferradina-Arenteiro. No sempre complicado campo do Toralín a escuadra do Carballiño abriu o marcador da man do veteranísimo Miku, pero cando xa saboreaba os meles da vitoria a Ponferradina empatou no minuto 85, estabelecendo Javi Lancho o definitivo 2 a 1 pouco despois.

Comentarios