A PREVIA | A parada do fútbol move o foco á Primeira Federación

A disputa da finalísima da Copa do Rei entre Athletic de Bilbao e Mallorca no eido do fútbol masculino, e a dos compromisos das distintas seleccións nacionais no feminino, farán que durante esta fin de semana os e as amantes do deporte rei deban recorrer á terceira categoría para saciar a súa sede de goles.
No encontro da primeira volta entre Unionistas e Dépor, disputado en Salamanca, os herculinos non foron quen de pasar do empate (1-1). (Foto: RC Deportivo).
photo_camera No encontro da primeira volta entre Unionistas e Dépor, disputado en Salamanca, os herculinos non foron quen de pasar do empate (1-1). (Foto: RC Deportivo).

A Primeira Federación de fútbol masculino fai honra hoxe ao seu nome, pois será a número '1' para os afeccionados e afeccionadas ao deporte rei durante esta fin de semana.

O motivo é a paralización da máxima categoría a causa da disputa da finalísima da final da Copa do Rei entre o Athletic de Bilbao e o Mallorca (A Cartuxa, sábado, 19 horas), polo que o Celta de Vigo gozará de máis tempo para preparar o transcendental choque no campo do Betis o próximo 12 de abril. 

Ademais, a Segunda División tampouco competirá polo interese informativo, logo de que o único representante da Galiza, o Rácing de Ferrol, colidise na noite da sexta feira co Amorebieta .

Tampouco entrarán en acción as mulleres do Real Club Deportivo na Primeira Federación feminina, pois os compromisos das distintas seleccións nacionais paralizan temporalmente a súa pelexa por certificar o anhelado ascenso de categoría.

Xa que logo, haberá que agardar até as 18 horas do sábado, cando o Celta Fortuna salte ao céspede de Balaídos para enfrontarse con outro filial, o de Club Atlético Osasuna, para saciar o 'mono' de fútbol.

Os celestes, con Alfredo Álvarez, 'Fredi', no banco desde que Claudio Giráldez fose requirido polo primeiro equipo para substituír o destituído Rafa Benítez hai tres semanas, precisan os tres puntos imperiosamente para emendar o seu inesperado tropezo da pasada fin de semana fronte o modesto Tarazona e seguir así nuns postos de play-off que ocupan o Barça B con 57 puntos, o Nàstic de Tarragona (54), o propio Celta Fortuna (51) e a Sociedade Deportiva Ponferradina (50).

Barcelona B-Arenteiro

Por detrás axexa a Cultural Leonesa (48) e, xa a certa distancia, a que para moitos seguidores e seguidoras da categoría de bronce é a gran revelanción deste Grupo '1', o Arenteiro (44).

Se o partido dos canteiráns olívicos abre a data número 31, esta baixará o pano cun Barcelona B-Arenteiro no que os do Carballiño poderían dar a sorpresa da xornada no Estadi Johan Cruyff (domingo, 19 horas).

Co positivo precedente do seu triunfo por 2 a 0 sobre os blaugranas no encontro de ida, os verdes terán que sobreporse á pertinaz baixada de rendemento que demostran a domicilio, onde tan só sumaron 15 puntos, por 29 que obtiveron en Espiñedo.

Lugo-Tarazona

A catro puntos de distancia do Arenteiro (40), e instalado no noveno posto da clasificación, emerxe un Club Deportivo Lugo que non acaba de dar coa tecla axeitada para reducir distancias cos seus predecesores a pesar de acumular xa tres adestradores no que vai de campaña.

Os números do último deles, o lendario Roberto Trashorras, non melloran os dos seus predecesores, pois leva seis puntos de 18 posíbeis, polo cal, e coñecendo o 'gatillo fácil' do que fai gala o 'pistoleiro' que ocupa a presidencia albivermella, Tino Saqués, non é en absoluto descartábel que un novo tropezo, esta vez no Ángel Carro co Tarazona (domingo, 16 horas), dese paso ao que sería o cuarto técnico do Lugo na 2023/24.

Deportivo-Unionistas

Moito máis tranquilas -pese a que MeteoGalicia diga o contrario- baixan as augas en Riazor. O mellor equipo do ano en canto a resultados afronta un novo desafío ante o seu público ás 17 horas de domingo, e faino ante un Unionistas que certificou dúas vitorias consecutivas, unha delas ante un rival directo do Dépor, o Nàstic. Con todo, o favoritismo, estea ou non un Lucas Pérez que continúa entre algodóns, recae nos branquiazuis.

Comentarios