Fútbol

A PREVIA | O 'play-off' do Rácing pasa por Euskadi

Derrotar o Amorebieta é vital para seguir na pelexa polo ascenso.
Carlos Vicente, que puxo rumbo ao Alavés de Primeira no mercado de inverno, foi o autor do tanto da vitoria racinguista no encontro de ida. (Foto: LFP).
photo_camera Carlos Vicente, que puxo rumbo ao Alavés de Primeira no mercado de inverno, foi o autor do tanto da vitoria racinguista no encontro de ida. (Foto: LFP).

O Rácing de Ferrol, oitavo clasificado da Segunda División con 51 puntos, a un só dos postos que dan acceso a disputar o play-off de ascenso á máxima categoría, visita ás 20.30 horas da sexta feira o Campo Municipal de Urritxe, onde disputa os seus partidos como local o Amorebieta, penúltimo na táboa con 20 puntos menos que a escuadra galega.

Ambas formacións representan caras absolutamente contrapostas dunha mesma moeda, a dos conxuntos que lograron escapar a tempada pasada desa rateira que é a Primeira Federación após rematar como primeiros de cadanseu grupo: o Rácing do '1' e o Amorebieta do '2'.

O formato da competición levounos a enfrontarse, por vez primeira na súa historia, polo intranscendente título de 'Campión de Campións' organizado pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF), no cal a goleada vasca no encontro de ida (3-0) impediu que o trofeo viaxase até un Ferrol no que o Rácing só foi quen de vencer por 2-0 no de volta, tantos materializados por Javier Murúa en propia porta no minuto 78 e por Héber Pena xa no '84.

O terceiro choque entre ambas as entidades produciuse no marco da presente tempada da Segunda División, pois na novena xornada de campionato o Rácing fixo bo o factor campo, impoñéndose na Malata grazas a un único gol materializado por un home que xa non defende as cores dos Diaños Verdes, Carlos Vicente, traspasado no mercado de inverno ao Alavés de Primeira, categoría que, ademais, xa puxo os seus ollos no compañeiro que lle deu a asistencia, un Iker Losada que interesa, e moito, ao Xetafe. 

 

Desde ese momento o Rácing continuou gañando partidos até consolidarse na zona nobre da clasificación, mentres que a evolución do Amorebieta non foi tan positiva, sumíndose nunha negativa xeira de resultados que lle custou o posto ao seu adestrador, Jaritz Mujika, que foi substituído por un Jandro que, pese a mellorar os rexistros do seu predecesor, non conseguiu sacar o equipo do descenso.

Ante este escenario, os pupilos de Cristóbal Parralo están obrigados a volver de Euskadi cos tres puntos e afondar aínda más na crise que padecen os azuis.

Comentarios