A compostelá Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía

O xurado premiou a súa obra 'Materia' "pola poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica que causa dor e orixinal".
A poeta e promotora cultural adoita colaborar con Xosé Tomás nos libros destinados ao público infantil. (Foto: Yolanda Castaño)
photo_camera A poeta Yolanda Castaño, nunha imaxe de arquivo.

A poeta compostelá Yolanda Castaño foi galardoada co Premio Nacional de Poesía do ano 2023 pola súa obra Materia (Xerais, 2022), a proposta do xurado reunido esta cuarta feira. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 30.000 euros. O xurado destacou a súa obra "pola poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica que causa dor e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial".

Tamén destacaron que "en Materia, Yolanda Castaño móstranos unha poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva e, á vez, directa, radical e feminista" e que explora, "de forma non compracente, temas como a maternidade, a familia e os costumes e logra sacar a realidade da súa nebulosa habitual para concretala en materia lingüística, destacando o xogo verbal e rítmico que cuestiona o estabelecido".

O xurado estivo presidido pola directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte, María José Gálvez Salvador, e como vicepresidente actuou o subdirector xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Jesús González González. As vogais foron Ana Romaní Blanco, proposta pola Real Academia Galega; José Manuel López Gaseni, pola Euskaltzaindia; Víctor Obiols Llandric, polo Institut d'Estudis Catalans, e Àngel Vicent Calpe Climent, pola Acadèmia Valenciana de la Llengua.

Tamén figuran José Francisco Agarrades Montero Reguera, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Rosa Romojaro Montero, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Cristina de Alzaga Fraguas, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Alicia Aza Campos, pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Rosa María García Rayego, polo Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid; Ernesto Peréz Zúñiga, polo Ministerio de Cultura, e Aurora Luque Ortiz, galardoada na convocatoria de 2022.

Sobre Materia

Tal e como relataba a propia Castaño nunha entrevista nas páxinas de Nós Diario, este poemario serviulle para "deconstruír" o seu propio concepto de maternidade, para "poñela en cuestión e fechar un pouco esta páxina" na súa historia persoal. "É un libro sobre a familia, tanto a pasada como a proxectada, e nese sentido fala da miña renuncia á maternidade", explicaba.

"Alíñome nas loitas das nais e subscribo moitas das lecturas combativas sobre o tema, pero tamén creo que somos máis libres cantas máis opcións haxa, e quería achegar o meu gran de area visibilizando que hai máis modelos e que as mulleres que decidimos non reproducirnos somos tamén un deles", engadía a autora nesa conversa.

Esta mesma obra foi galardoada o pasado mes de abril co Premio Nacional da Crítica 2022 na categoría de poesía, destacando o xurado nesoutra ocasión "o poder material do léxico, a súa forza evocadora e sensorial, así como a eficacia coa que se explotan as súas posibilidades lúdicas e irónicas".

Comentarios