Yolanda Castaño e Brais Lamela fanse cos Premios Nacionais da Crítica

Os galardóns foron anunciados esta sexta feira en Málaga.
Yolanda Castaño estará neste encontro en Lugo.
photo_camera Yolanda Castaño estará neste encontro en Lugo.

Esta sexta feira falláronse en Málaga os Premios Nacionais da Crítica 2022, que cada ano destacan as mellores obras literarias publicadas no Estado nas categorías de narrativa e poesía. A concelleira de Cultura da cidade, Noelia Losada, acompañada polo presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, Fernando Valls, deu a coñecer os gañadores en rolda de prensa.

Estes galardóns son concedidos por un xurado composto por máis de vinte membros da Asociación Española de Críticos Literarios que realizan críticas literarias nos medios de comunicación. Os premios non teñen dotación económica pero si teñen un prestixio único entre escritores, editores e lectores.

O premio da crítica en lingua galega foi para Brais Lamela por Ningúen queda publicado pola editorial Euseino. Nado en Vilalba en 1994 esta é a súa primeira obra publicada.

O xurado destacou a frescura da proposta, derivada dunha certa hibridez discursiva e dunha aparencia de provisionalidade e falta de pretensións que esperta de inmediato a empatía do público lector.

En poesía en galego, Yolanda Castaño gañou o premio por Materia (Edicións Xerais). Castaño tamén ten unha intensa actividade como xestora cultural. O xurado destacou o poder material do léxico, a súa forza evocadora e sensorial así como a eficacia coa que se explotan as súas posibilidades lúdicas e irónicas. 

Noutras linguas

En catalán os premios foron para El dit de Déu de Raquel Ricart (narrativa) e El rastre nival de Ángels Marzo. En euskera, os premios foron para Lagun Miñak de Jon Benito (narrativa) e Uda vetea de Aritz Gorrotxategi. En castelán, gañaron o premio De bestias y aves, de Pilar Ardón (narrativa) e Clamor en la memoria, de Dionisia García (poesía).

Comentarios