Yago Vázquez, o mellor jazz galego desde Nova York

Yago Vázquez (Vigo, 1984) pechou o pasado día 23 o Festival de Jazz de Cangas. Residente en Nova York desde 2008, o pianista vigués forma parte da escena da cidade americana, onde tocou con figuras de primeiro nivel, desde Tobias Meinhart ou David Schnitter a Billy Harper. Aproveitando a súa estancia na Galiza, esta noite tocará en A Casa de Arriba, na súa cidade natal.  
 
O trío tocando na clausura do Festival de Jazz de Cangas. (Foto: María Vence)
photo_camera O trío tocando na clausura do Festival de Jazz de Cangas. (Foto: María Vence)

Yago Vázquez atrévese con todo: o primeiro tema que tocou no Festival de Jazz de Cangas foi unha versión de "Dear Old Stockholm", unha peza ben coñecida polas versións que dela fixeron Stan Getz, Miles Davis ou John Coltrane. E, a seguir, un tema propio, "Terra". Se cadra unha metáfora da súa propia situación no mundo: un músico galego estabelecido en Nova York desde hai quince anos, participando da escena neoiorquina mais coas raíces nesa terra que invoca.

"Pode ser, a nivel subconsciente", contesta rindo en conversa con Nós Diario. "Pero a realidade é máis prosaica. En realidade, era a primeira vez que tocabamos xuntos e non ensaiamos. En Nova York, as cousas fanse así: quedas para tocar e na proba de son ves cales son os temas que coñecen os músicos. Eu mostreilles algúns temas meus -entre eles "Castro", dedicado a un lugar ben coñecido dos vigueses" e o demais foron standards que os tres coñeciamos ben". 

Non tocaran xuntos como trío, pero os outros dous membros do trío si que colaboraran con Vázquez noutras ocasións. Ao batería Jesse Simpson coñeceuno na banda de Tobias Meinhart. "Tocamos 4 ou 5 anos con el e fixémonos amigos", explica. E co contrabaixo Elam Friedlander coincidiu na banda de -nada máis e nada menos- David Schnitter, o membro dos lendarios Jazz Messengers de Art Blakey que máis tempo permaneceu na formación. "Elam estaba de xira por Europa, Jesse está agora vivindo na República Checa, en Praga, e pensei que, estando todos en Europa, era unha boa idea xuntarnos para vir tocar á Galiza". 

A escena neoiorquina

Yago Vázquez  (Vigo, 1984), despois de estudar no Conservatorio de Música de Vigo e no Seminario de Jazz de Pontevedra com Abe Rábade e Paco Charlín, mudouse a Nova York, en 2008, para ampliar estudos en The New School e, desde entón, reside na cidade americana facendo parte dunha escena na que toca con músicos tan prestixiosos como os xa citados Tobias Meinhart ou David Schnitter e con outros nome que farían salivar  a calquera afeccionado a este xénero: Reggie Workman, Joe Martin, Jamie Baum, Ingrid Jensen ou, atención, Billy Harper. 

"Billy era profesor na miña escola e, ademais da súa banda, dirixía -sempre estivo moi vinculado á Igrexa Metodista- un coro. Nun momento dado, precisaba dun pianista para acompañar o coro, e chamoume a min. Co paso do tempo, aprendín todo o seu repertorio e, desde aquela, cada vez que a pianista coa que tocaba na banda Francesca Tanksley, non podía facer unha xira ou unha determinada actuación, chamábame a min. Gravamos xuntos algún disco e un DVD dun concerto en directo. Traballar con el sempre é unha lección non só musical, senón tamén humana, sobre a relación cos outros músico e co público. Nos Estados Unidos é unha auténtica lenda". 

Como Vázquez se foi labrando esa carreira dentro dunha escena como a neoiorquina, con fama de ser extremadamente competitiva, segue sendo un relato de esforzo e de traballo realizado desde a humildade. 

"Aínda non sei moi ben como sucedeu", chancea. "Supoño que cada persoa ten unha historia diferente. Hai xente que chega a Nova York cunha grande ambición e que non ten problemas para presentarse nos locais ou ante grandes figuras desde o primeiro día. Eu son máis cortado e todo foi ocorrendo dunha forma máis pausada pero tamén máis orgánica. Fun coñecendo xente e tocando con ela e iso, pouco a pouco, lévate a ir ampliando o teu círculo e ir tocando en clubs con máis prestixio e con músicos con máis traxectoria. Non houbo nada deliberado, só traballo e paciencia". 

Ademais dos seus encontros con boa parte da elite neoiorquina, Vázquez tamén ten unha gran relación con músicos chilenos que residen na cidade. Co baixista Pablo Menares e o batería Rodrigo Recabares, por exemplo, gravou varios discos, entre eles o último publicado como líder, Desde la lluvia, despois de dous traballos especialmente significativos na súa carreira, Stream e Second Stream, gravados ambos con Scott Lee e Jeff Hirshfield. 

"A escena de Nova York é moi dinámica, e moitas noites tocas con músicos que non coñeces e coa que nin sequera te levas especialmente ben", anota. "Mais cando se trata dun traballo co que vas saír de xira, con xente coa que vas convivir durante semanas ou durante meses, é mellor escoller persoas coas que che apetece estar".  

Jazz galego aquí e alí 

Entre os colaboradores habituais en Nova York non hai moitos galegos. "Non, por alí anda un acordeonista de Ourense, Víctor Prieto co que comín algunha vez na Casa de Galiza, mais non chegamos a tocar xuntos. Con Cristina Pato si que colaborei varias veces.
 Na medida do posíbel o pianista segue a actualidade galega (participou, por exemplo no xa clásico álbum de Pablo Castaño A-la-láa) e ten moi boa impresión do que sucede aquí. 

"Na Galiza temos ese problema da dispersión poboacional, non hai un gran centro onde crear unha escena: se unha persoa vive en Vigo, outra en Santiago e outra no Grove, pois non son grandes distancias, pero dificultan o xuntarse para tocar. No lado positivo temos que existe unha enorme cantidade de xente nova que ten unha formación impresionante e que están traballando de marabilla. Ademais, pouco a pouco a xente está saíndo fóra -máis ou menos tempo- e iso é importante á hora de atopar unha linguaxe propia: someterse a distintas influencias e a distintas escenas para airear o que aprendiches". 

E non esquece o papel de Portugal: "En Lisboa hai agora un panorama moi potente. Moitos músicos importantísimos mudáronse alí e a colaboración entre músicos galegos e portugueses está funcionando moi ben. Creo que o panorama do jazz galego está agora mellor que nunca".

Comentarios