'Ponte... nas Ondas!', premio especial do xurado de aRi[t]mar

Até o 16 de maio estarán abertas as votacións para elixir as mellores poesías galega e portuguesa de 2021, outro dos galardóns que outorga aRi[t]mar.
'Escolas nas ondas', unha das iniciativas que desenvolveu 'Ponte... nas Ondas!'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'Escolas nas ondas', unha das iniciativas que desenvolveu 'Ponte... nas Ondas!'. (Foto: Nós Diario)

O xurado do certame aRi[t]mar da Galiza e Portugal vén de decidir que a asociación 'Ponte... nas Ondas!' será a galardoada co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona nesta edición de 2022. Este premio, lembran desde a organización do certame, "é un recoñecemento outorgado por medio de resolución directa do xurado e pretende salientar o traballo de todo aquel que contribúe a achegar as culturas galega e portuguesa". A resolución deuse a coñecer na véspera do 25 de abril, data da Revolução dos Cravos.

O colectivo 'Ponte... nas Ondas!', destacan, "leva máis de 25 anos organizando actividades culturais e pedagóxicas na Galiza e na zona norte de Portugal". Creouse en 1995 e "naceu aproveitando a construción dunha ponte física entre as localidades de Monção e Salvaterra de Miño e estabeleceu unha ponte comunicativa a través do medio radiofónico".

A primeira actividade desenvolvida pola entidade foi levada a cabo polo alumnado de 16 escolas de ambas as dúas beiras do Miño, "utilizando os estudos Ecos da Raia de Monção e outros situados na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño".

Esta iniciativa multiplataforma, subliñan desde aRi[t]mar, ten recibido numerosos galardóns. Entre os premios máis importantes cóntanse un Premio Ondas, acadado no ano 2014 pola "mellor cobertura informativa do patrimonio inmaterial galego-portugués", e o Premio Galiza de Comunicación, outorgado en 2005 pola Xunta da Galiza.

Votacións das poesías galegas e portuguesas até o 16 de maio

O vindeiro 16 de maio fechará o prazo para votar polas diferentes candidaturas a mellor poema galego e mellor poema portugués escritos en 2021.

Os finalistas na primeira categoría son Carlos Callón, con Un coro; Daniel Salgado, con O acivro e o cristal; Inma Doval Porto, con Couza; Jorge Rodríguez Durán, con Anatomía dun home-peixe; Luís Rei Núñez, con Rexistro Civil; Manuel Rivas, con Mai; Marta Dacosta Alonso, con A parella de lavancos...; Suso Díaz, con Asulagadas; Teresa Ríos Noya, con Medrei na arela desa pantasma, e Lúa Mosquetera, con Anorak de pel de caribú.

Pola súa parte, na categoría de lingua portuguesa compiten A mesa, de Ana Luísa Amaral; E se, de Cecília Barreira; O poeta escreve, de Diogo Costa Leal; O conhecimento da flor, de José Tolentino de Mendonça; Aos versos quero-os claros como auroras, de Lídia Borges; Feira da ladra, de Margarida Vale de Gato; Errei, como toda a gente, de Pedro Eiras; Comprar um móvel com muitas gavetas, de Raquel Serejo Martins; A cada degrau, de Sérgio Godinho, e E se eu fosse eu?, de Wilma Vieira.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios