aRi[t]mar celebra a lusofonía que esvaece as fronteiras

Compostela acolle a gala da música e a poesía da Galiza e Portugal. As premiadas nesta sexta edición do proxecto creado pola Escola Oficial de Idiomas de Compostela foron Guadi Galego, Cláudia Pascoal, Rosalía Fernández Rial, Márcia e José Viale Moutinho.
arritmar
photo_camera Recolle o Premio a Mellor Poesía na Galiza, Rosalía F. Rial

O festival aRi[t]mar fechou esta cuarta feira en Compostela a súa sétima edición cunha gala na que a música e a poesía conviviron en harmonía, bañadas pola defensa da lusofonía, como é meta orixinal desta iniciativa. Sabíanse de antemán os nomes das e dos premiados, mais nin ese avance que lle restaba o efecto sorpresa foi quen de quitarlle brillo a gala da convivencia e a ruptura de fronteiras entre a Galiza e Portugal.

A "abrumadora vitoria feminina" foi seguida por un auditorio ao máximo da súa capacidade (600 persoas).

Nunha noite con actuacións en directo e detalles inesperados, o público puido ver a Guadi Galego e Cláudia Pascoal recoller os galardóns vencellados á música. A primeira levouno á mellor canción en galego por "Cólicos", mentres que a segunda era seleccionada como merecedora do recoñecemento internacional por "Quase Dança". E mesmo actuaron.

Após enfrontarse ao xuízo da cidadanía transfronteiriza -que achegou máis de 5.000 votacións- Rosalía Fernández Rial e Márcia foron consideradas as mellores poetas do ano no ámbito da lusofonía. As pezas escollidas foron, en concreto, "A reflexión" e "O verão sabe-me bem", respectivamente.

Estas últimas recibiron as súas estatuíñas, realizadas polos artesáns estradenses Fernando Porto e Trinidad Barranco, logo da proxección dos videopoemas no Auditorio da Galiza. 

O valor de Viale Moutinho e o obxectivo orixinal

O premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona foi parar, como xa se adiantara, a José Viale Moutinho. As e os xuíces profesionais do aRi[t]mar xa destacaran este escritor “como ponte entre Galiza e Portugal”. 

No fallo referíronse ao tamén xornalista como un “impulsor do continuo lingüístico e cultural que representa a lusofonía e como verdadeiro embaixador da Galiza en Portugal e de Portugal na Galiza”.

Lonxe dos focos dunha xornada especial, non se debe esquecer que este proxecto didáctico e cultural ideado no seo da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela (EOI), que dirixe Gonzalo Constenla, marcouse desde o principio o obxectivo de darlle un impulso á música e poesía galego-portuguesas contemporáneas en todo momento e lugar. 

Comentarios