Xisco Feijoó: "A nosa música tradicional está viva a día de hoxe, volve estar onde tiña que estar: na rúa"

A edición deste ano dos Premios aRi[t]mar confirmou a boa acollida que tivo o primeiro traballo en solitario de Xisco Feijoó. A peza Peixe, que dá título ao álbum, foi escollida polo público como Mellor Canción do Ano 2021 na Galiza. Nós Diario conversa con este mestre, coreógrafo, bailador e cantante sobre a súa obra e o momento que vive a música tradicional galega.

O músico, coreógrafo e cantante Xisco Feijoó ten realizado numerosos traballos de campo (Foto: Nós Diario).
photo_camera O músico, coreógrafo e cantante Xisco Feijoó ten realizado numerosos traballos de campo (Foto: Nós Diario).

Como recibiu a nova deste premio?

Realmente foi unha sorpresa. Un, cando fai estas cousas e é a primeira vez que as fai, o último que espera é que sexa nominado e a maiores gañar. E coa calidade de músicos que había! Foi toda unha alegría.

Primeiro traballo discográfico en solitario despois de moitos anos de participar noutros proxectos. Cal é a razón de agardar tanto?

Se me paro a pensar coido que a preparación é de case toda unha vida. Levo 30 anos facendo traballo de campo. Fun por vilas pequenas e aldeas para recuperar músicas e cantares. Aínda que esa actividade nunca estivo enfocada a facer un disco, o certo é que tampouco pensaba entrar a dar clases ou que remataría por colaborar con outra xente en varios discos. 

Fun por vilas pequenas e aldeas para recuperar músicas e cantares

Peixe comezouse a xestar hai case dez anos, mais por outros motivos, por intervir noutros proxectos que me propuñan, foise adiando e adiando até que lle tocou o momento. Polo menos agora que o fixen podo dicir que estou convencido de que foi o momento exacto. Como di un amigo meu, produtor do disco e autor dos arranxos, Carlos Quintá, "mellor sería peor".  

Supón un punto de inflexión na súa carreira?

Supoño que si, mais como moitos. A miña carreira é moi quebrada nese sentido, en cambios. De dedicarme a ser director dunha agrupación como é Fiadeiro, xurde Trad,  a televisión, o baile e dar cursos fóra... Din que non hai que perder o norte e eu sabía onde estaba mais perdinme polo camiño todo o que quixen e máis. É un punto de inflexión mais a vida segue e veremos o que acontece a partir de agora.

Din que non hai que perder o norte e eu sabía onde estaba mais perdinme polo camiño todo o que quixen e máis

Peixe ten unha visión contemporánea da música tradicional, algo que xa tentaron outros proxectos. Pensa que desta vez a situación é máis favorábel?

Pode ser que desta vaia. Moitas veces é unha cuestión que non é nosa. Podemos xogar a ter desde estratexias até intencións mais ao final é o público quen decide, depende de como estea a sociedade. Certo é que é un traballo que está labrado desde hai moito tempo. Probabelmente desde a raíz máis profunda, desde as asociacións de base de música tradicional traballouse moito para volver estar na rúa, por impartir clases para xente que quería bailar na festa da Reconquista, por exemplo, e foi callando na recuperación de festas de música tradicional como os seráns e as foliadas que cada día son máis multitudinarias. Só hai que ver exemplos como a Foliada de Melide ou Couso.

Cada día máis e máis xente sabe bailar os pasos. Provoca que a sociedade vexa que esta música e este baile está na rúa. Por este motivo, creo que agora mesmo xa é unha mestura co contemporáneo. A nosa música tradicional está hoxe en día viva, na xente. E volve estar onde tiña que estar: na rúa. É tan moderna como calquera outra tendencia.    

Pensa que non hai que ter medo a reinterpretar a música tradicional?  

Exactamente. Está na rúa da maneira que ten que estar. Non hai que esquecer que a nosa música tradicional nace ao abeiro dunha maneira de vivir vinculada ao sector primario. A maior parte da poboación a principios do século XX vivía do sector primario, con pequenas explotacións, e unha vida en comunidade dentro dos seus barrios, aldeas ou lugares.

A música tradicional seguiu activa da man de xente que vive hoxe en día e non só pola conservación das avoas e dos avós

A música tradicional seguiu activa da man de xente que vive hoxe en día e non só pola conservación das avoas e dos avós. Aceptouse a tradición mais non coas mesmas características. Hoxe en día rara vez teríamos nunha cidade unha labrada mais hai bailes en común e temos grupos de pandeireteiras que se adaptaron como algo natural. A xente non tivo que pedir permisos e licenzas por iso.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios