domingo 23/01/22

A Xunta rexeita a cesión da maior colección etnográfica galega

A Consellería de Cultura rexeita facerse cargo da maior colección de etnografía galega que fica desafiuzada no concello leonés de Alija del Infantado. A familia Eiriz, herdeira do coleccionista, lamenta que Anxo Lourenzo comunicara agora a negativa despois de que hai tres meses se comprometera a traer as máis de 12.000 pezas para Galiza. 

Colección de Eirís
Colección de Eirís

Ás herdeiras de Benigno Eiriz cústalles entender que a Xunta rexeite a cesión da maior colección etnográfica galega. O conxunto fora atesourado polo seu pai, o empresario musical Benigno Eiriz, durante máis de trinta anos e está composto, entre outras pezas, por apeiros relacionados cos traballos do campo. Despois de agardar durante anos e conseguir hai tres meses entrevistarse co Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a noticia de que a Xunta non dará ningún paso para traer a Galiza e salvar da perda segura o importante legado cae como un xerro de auga fría. “Hai tres meses Anxo Lorenzo deunos a palabra de que ía vir para aquí e que ían protexer a colección. Agora, hai uns días e despois de moitos intentos, conseguimos falar con el e di que se volven atrás”, comenta Nieves, viúva de Benigno Eiriz. Sobre a familia, á marxe da desesperación pola posíbel perda do legado do pai, pesa unha denuncia dos propietarios da casa onde se aloxaba a colección en Alija del Infantado, o que lles pode traer novos e importantes custes económicos. 

“Trátase da maior colección etnográfica galega. Meu pai, despois das trabas que lle puxeron para instalala na casa que acondicionara en Taboada, recorreu ao concello de Alija mais deixaron de pagar o aluguer e agora a situación é de desafiuzamento”, explica a filla de Benigno, Sandra Eiriz que encabezou os contactos coa Xunta para tentar conservar o importante legado do pai, unha colección que tanto Benigno como Nieves foron facendo ao longo de trinta anos, mercando pezas cos seus propios cartos e encargándolle a especialistas a restauración de boa parte delas.

A Xunta tardou ano e medio en concederlle unha entrevista co departamento de Cultura e Patrimonio, un primeiro encontro do que a familia sairía esperanzada, convencida polas palabras de Anxo Lorenzo do posíbel traslado da colección a Galiza. “Desde hai un mes non se puña ao teléfono e ao final chamaron para dicir que se botaban atrás”, lamenta Sandra Eiriz, dunha resposta que deixa á familia nunha complexa situación xa que as máquinas, carros e pezas máis grandes continúan no patio da casa de Alija, acuciados por problemas legais e co perigo de perda para o conxunto da colección. 

De Pucho Boedo a Milladoiro ou Luar na Lubre

“Meu pai era presidente da Asociación Galega do Espectáculo. Levou a Pucho Boedo, a Milladoiro ou Luar na Lubre e ese interese en promover a nosa cultura está tamén detrás do investimento no patrimonio cultural e popular galego que realizou”, sinala Sandra Eiriz, da intención do pai de crear unha colección visitábel que atesourara o saber popular dos traballos do agro. Nunca contou con apoio público e até a morte, en 2003, Benigno Eiriz recibiu todas as negativas da Xunta á hora de desenvolver o seu proxecto de cultura popular galega. “A colección precisa dun lugar físico e o traslado ademais dos mecanismos para a súa conservación. Calculamos que se precisan 2.000 metros para a súa mostra. Sabemos que hai sitios e que a colección paga a pena. Especialistas como Felipe Senén sorpréndense de que unha persoa que non é do ámbito tivera conseguido unha colección de tanto interese e calidade”, engade Sandra Eirís. 

Cesión segura por parte da familia 

As herdeiras de Benigno Eiriz queren deixar claro que non queren sacar beneficios da posíbel instalación da colección na Galiza. Neste momento, coa denuncia e o desafiuzamento sobre a mesa, tentan buscar unha solución para que o legado do pai non se perda, é dicir, que non se destrúa a máis importante colección de materiais etnográficos galegos. Neste momento agárranse á boa dispoñibilidade que atoparon na Deputación de Lugo, en concreto, no responsábel da área de Cultura, Mario Outeiro, que, segundo din, está a estudar as vías para darlle unha solución ao punto sen retorno no que din atoparse. “Na Deputación de León non queren facerse cargo dela porque din que corresponde á cultura galega mais en Galiza a Xunta desenténdense do tema. Dá moita mágoa ver todo aquilo perdéndose. As pezas pequenas foron retiradas das salas e están apiadas nas dependencias do concello de Alija. Queremos que a colección sexa rescatada. Estamos a falar dunha cesión que perdurará no tempo do conxunto das 12.000 pezas. Ao que acaba de dicir que non a Xunta é a recibir unha cesión. A familia non quere sacar proveito económico disto”, afirma Sandra Eiriz. 

Amigos dos Museos de Galiza reclaman desde hai máis de catro meses garantías para a supervivencia da colección e, neste sentido, dirixiran unha carta ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Cultura e Educación. Xa entón, Amigos dos Museos denunciaban a “falta de diálogo e interese por parte das administracións” arredor do importante legado de memoria da nosa tradición, que  non existe nos museos de titularidade pública e esixían que a colección temática regresara a Galiza. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A Xunta rexeita a cesión da maior colección etnográfica galega
comentarios