CULTURA

A maior colección de etnografía galega fica desafiuzada en Alija del Infantado

A maior colección de etnografía galega fica desafiuzada en Alija del Infantado

A colección etnográfica de Benigno Eiríz, a máis importante da nosa cultura tradicional composta por máis de 8.000 obxectos recollidos desde os anos setenta, fica desafiuzada no concello leonés de Alija del Infantado. Amigos dos Museos de Galiza reclaman garantías para a súa supervivencia ao presidente da Xunta e á Consellería de Cultura. 

Colección de Eirís
photo_camera Colección de Eirís

Nunha carta dirixida ao presidente da Xunta e ao concelleiro de Cultura, a asociación Amigos dos Museos de Galiza denuncian a falta de interese por parte da administración e reclaman que se inicien “xestións para un acordo coa familia, tratamento museolóxico adecuado da devandita colección en Galiza, de onde procede, previa visita de técnicos para o traslado, tratamento, catalogación e instalación en dependencias adecuadas ate a consecución definitiva do proceso de musealización desta colección, que levaría e homenaxearía o nome de Benigno Eiriz”. 

Quen asina a carta é o presidente de Amigos dos Museos de Galiza, o historiador e investigacións Felipe Senén que vén tamén de publicar un artigo no dixital Terra e Tempo no que dá conta da singular relevancia dos obxectos do noso patrimonio tradicional recollidos por Benigno Eiriz.  A colección de máis de 8.000 pezas recollidas por Benigno Eiriz na súa casa de Carbosende, Taboada, e na que se atopa unha colección única de tipoloxías de carros, rodas arados, xugos, maquinaria histórica e demais obxectos relacionados cos oficios e a cultura tradicional fora acollida polo concello de Alija del Infantado que abrira nunha casa alugada un museo etnográfico. 

Prazo para a retirada do legado

Unha década despois, o proxecto de Alija paralizouse e o concello pon prazos para retirar a que está considerada a maior colección etnográfica galega e a familia mostra a súa disposición porque as máis de 8.000 pezas recollidas por Eiriz podan volver a Galiza mais, polo de agora, non atoparon resposta institucional. A cantidade, a situación, o espazo preciso e o prezo do traslado requerirían un inportante apoio da administración xa que, alén dun estudo previo e realizar o cambio a un espazo acaído e seguro é preciso aplicarlle un tratamento museolóxico adecuado para a súa conservación, inventariado e exposición. 

Amigos dos Museos de Galiza denuncian a “falta de diálogo e interese por parte das administracións” arredor do importante legado de memoria da nosa tradición, que  non existe nos museos de titularidade pública, e reclaman atención para a maior colección temática que fica neste momento desafiuzada no concello de Alija del Infantado. 

comentarios